Reclamacións en Salceda contra os recibos do IBI 2021

Recollida de queixas por parte da Plataforma Veciñal contra o Catastrazo
A plataforma critica a posición dos grupos políticos da Corporación Municipal sobre o catastro.

Salceda de Caselas | A Plataforma Veciñal contra o Catastrazo en Salceda de Caselas mantén aberto o prazo de recollida de reclamacións, co obxectivo de presentalas o día 14 de outubro.

Tralas reunións programadas nas parroquias, para recoller documentación e sinatura de reclamacións contra as liquidacións do catastrazo, as expectativas son moi positivas xa que, nesta rolda de xuntanzas, as recollidas superan as 400.

A Plataforma considera que a partir do día 1 de outubro, multiplicarase ese número; xa que a maioría das persoas afectadas teñen domiciliados os recibos das vivendas (o único que se pagaba até o ano pasado), polo que, ao non ter recibido esa liquidación no domicilio, descoñecen a gravidade e alcance do abuso do catastrazo.

A Plataforma ten detectado que as subas nas vivendas van desde os 70 aos 300 euros ano; cantidades que moitas persoas só comprobarán a partir do cargo bancario que o ORAL realizará a partir do día 1 de outubro. Aumentos aos que hai que sumar os recibos das primeiras liquidacións por parcelas, xa notificados.

A veciñanza das parroquias de Salceda de Caselas observa como, fora das formas, non hai diferenzas entre os grupos da corporación municipal.

“A veciñanza das parroquias de Salceda de Caselas observa como, fora das formas, non hai diferenzas entre os grupos da corporación municipal”

Diante desta situación, non se entende a posición dos representantes da oposición, cando dín que se opoñen ao catastrazo; e, ao mesmo, tempo propoñen “bonificacións” no imposto -que de ser aprobadas poden modificarse ou anularse en calquera momento-; e, mentres fan esas propostas, aconsellan aos seus simpatizantes que non reclamen contra as liquidacións. Así con estas iniciativas veñen a admitir a declaración como “solo urbano” o que realmente é rural, en tódalas parroquias de Salceda de Caselas.

Lamentablemente, todos defenden a o catastrazo como fórmula para afrontar a delicada situación económica do Concello, esquecendo que a veciñanza afectada, a das parroquias, está como a maioría social, vivindo unha situación económica complicada, derivada da pandemia e os efectos que esta está a ter no emprego.

A isto súmase o gravísimo feito de crear desigualdade a hora de pago do imposto do IBI; así coas iniciativas do Concello para o ano 2022 as vivendas do centro urbano, que non sofren ningún aumento no 2021, verán rebaixado o recibo do IBI; consumando con iso unha inxustiza fiscal; pois a baixada de recadación que supón foi previamente compensada coa suba do catastrazo no rural salcedense en 2021.