Real Academia Galega participa na xornada de celebración do centenario de Tomás Barros

No centro educativo coruñés que leva o seu nome

A Coruña | O presidente da Real Academia Galega participou esta mañá na homenaxe a Tomás Barros (1922-1986) celebrada no centro educativo coruñés que leva o seu nome o mesmo día en que se fan cen anos do nacemento do pintor e escritor.

Víctor F. Freixanes destacou o papel na cultura galega durante os anos do chamado exilio interior en pleno franquismo dun home que “compartiu arelas e proxectos con outros intelectuais que ficaron en Galicia durante a ditadura, e tamén con outros que marcharon ao exilio como Luís Seoane, Celso Emilio Ferreiro e Rafael Dieste”.

O académico correspondente, lembrou o presidente da RAG, foi cofundador e director da revista de poesía e crítica Aturuxo (1952-1960), en cuxas páxinas publicaron os grandes poetas galegos e españois do momento, e Nordés, que puxo en marcha en 1975 xunto á académica Luz Pozo Garza.

Víctor F. Freixanes acompañou a filla de Tomás Barros, Araceli Barros Cao, na apertura dunha xornada que conta tamén coa participación do ilustrador Suso Cubeiro e do autor teatral Carlos Clemente, encargados de profundar en distintos aspectos dunha figura poliédrica que cultivou dende as artes plásticas ata a poesía e a dramaturxia.

O programa inclúe ademais a presentación dun traballo de investigación sobre a vida e a obra do homenaxeado a cargo de Andrea Martín, exalumna do Centro Tomás Barros, onde ao longo dos vindeiros meses se sucederán distintas actividades que rescatarán a memoria do autor.

Biografía
Tomás Barros era fillo de galegos pero naceu en Toledo polo traballo do seu pai, mestre mecánico da Armada. En 1928 a familia instalouse en Ferrol e foi nesta cidade -na que viviría ata o seu traslado, en 1959, á Coruña- onde se iniciou, aos 14 anos, como pintor. Malia aprender xunto a Bello Piñeiro e estudar posteriormente Belas Artes na Escola de San Fernando (Madrid), axiña quedou cativado polas vangardas e foi evolucionando desde o fauvismo cara á unha configuración máis expresionista e abstracta, pero sempre interesado polo contido humano da obra.

“A súa obra exhibiuse nunhas trinta exposicións tanto en Galicia coma noutros puntos de España e mesmo en Londres”

A súa obra exhibiuse nunhas trinta exposicións tanto en Galicia coma noutros puntos de España e mesmo en Londres. A RAG custodia unha mostra do seu traballo desde 2013 o óleo “Claroscuro na biblioteca”, que pode verse precisamente ás portas da sala de lectura da institución.

No eido literario, cultivou o teatro, a novela o ensaio e a poesía. Como poeta, gañou en 1973 o Premio Internacional de Poesía do Círculo de Escritores e Poetas Iberoamericanos de Nova York e publicou sete libros en vida, entre eles Berro diante da morte (Galaxia, 1964).

Como dramaturgo, é autor de obras como Panteón familiar, estreada en Santiago de Compostela en 1956, Cos ollos do morto, estreada na Coruña en 1986, O dragón e A casa abandonada (publicadas en Grial en 1972 e 1985), e Fausto, Margarida e aqueloutro (O Castro, 1993, edición póstuma).

Legado
A Real Academia Galega conserva o arquivo persoal de Tomás Barros, doado á institución no ano 2017 polos seus fillos Tomás e Araceli Barros Cao. O presidente da RAG agradeceu de novo na celebración do seu centenario unha doazón que constitúe unha fonte fundamental para investigar a vida e a obra do propio creador, mais tamén a doutros intelectuais e artistas da súa época.

O arquivo de Tomás Barros inclúe cadernos e milleiros de pregos manuscritos e mecanoscritos de textos literarios, reflexións persoais e correspondencia, xunto a documentación referida ás revistas de poesía que promoveu. Entre os documentos, figuran escritos inéditos e borradores das obras publicadas do autor, cartas de persoeiros como Gerardo Diego e Vicente Aleixandre (a quen coñecera nos anos de estudante en Madrid), Gabriel Celaya, Celso Emilio Ferreiro, Valentín Paz Andrade, Ricardo Carballo Calero ou Bernardino Graña, e manuscritos de textos escritos para Aturuxo por Ramón Otero Pedrayo e Luís Pimentel.

A documentación inclúe ademais fotografías, recortes de prensa e partituras e gravacións musicais de Tomás Barros, grande afeccionado á música.

Outros artigos