Reabren as piscinas municipais de Salceda

Serán de balde para os máis cativos a partir do 23 de xuño

Salceda de Caselas | O concello de Salceda de Caselas reabrirá o vindeiro Luns 23 de Xuño as piscinas municipais, unha nova celebrada con entusiasmo especialmente entre a mocidade, que poderá gozar destas instalación durante os meses centrais do período estival.

As piscinas abrirán ao público de luns a domingo en horario de 15.00 h a 21.00 h. mentres que as mañás de luns a venres estarán reservadas para os cursos de natación que darán comezo o 1 de xullo e que como cada verán se veñen desenvolvendo como actividade de aprendizaxe e lecer.

A Alcaldesa, Loli Castiñeira, defendeu a aposta do goberno municipal por seguir a fomentar as instalación e servizos dirixidos á poboación máis nova, con especial atención á infancia e xuventude, lembrando que Salceda segue a ser un dos Concellos coa media de idade máis baixa de Galicia e coa taxa de crememento máis elevada.

A nova tempada de verán comeza con novidades nas instalación trala recente execución da terceira e última fase de reforma das piscinas. Unha obra consistente na mellora das instalacións técnicas que engloba un cambio no sistema de desinfección mediante a radiación ultravioleta, cambio dos filtros de area, mellora do sistema de desaugue e a conexión ao colector xeral de saneamento. Unha obra que non altera estructuralmente a instalación, máis que supón unha grande mellora na eficiencia e seguridade do sistema de depuración e evacuación, e que supón o punto e final ás emisión directas ao río Landres, que mantiñan unha situación de risco ambiental e para a fauna acuática, ademáis de supoñer un importante aforro no consumo de cloro.

Esta obra, cun orzamento de 131.448,47€ está financiada con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestructuras Deportivas e Plan +Provincia 2024, ambos da Deputación de Pontevedra. Logo da execución nos últimos anos das fases I (140.971,96 €) e II (135.177,81 €) de mellora, as piscinas municipais de Salceda están xa totalmente renovadas e cos sistemas máis modernos.

O goberno municipal optou por manter as tarifas actuáis para esta tempada 2025 nunha clara aposta pola mocidade local, onde a rapazada ata os 10 anos poderá acceder de xeito gratuíto.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.