Ramiro Vidal Carrera, defensor da colectividade galega en Lisboa, entra no “Álbum de Galicia”

Natural das Neves, vivíu en Lisboa dende onde colaborou con xornais galegos

Vigo | O Consello da Cultura Galega acaba de incorporar ao Álbum de Galicia ao empresario, xornalista e político Ramiro Vidal Carrera, quen destacou pola defensa da colectividade galega en Lisboa.

Vidal Carrera, natural da localidade pontevedresa das Neves (1887), constitúe un claro exemplo de home feito a si mesmo, xa que tivo que emigrar moi novo para alcanzar unha posición económica acomodada. Á idade de 13 anos emigrou a Portugal, país do que só lle separaba o río Miño, e instalouse en Lisboa, onde comezou a traballar de aprendiz nunha tenda próxima á Plaça do Comércio na que se servía ‘ginja’, un licor típico lisboeta.

“Vidal Carrera, natural da localidade pontevedresa das Neves (1887), constitúe un claro exemplo de home feito a si mesmo, xa que tivo que emigrar moi novo para alcanzar unha posición económica acomodada”

Dedicado ao mundo dos negocios (tivo tendas de alimentación e dedicouse á hostalería e á restauración), pronto se espertou nel o gusto pola cultura, ata o punto de que colaborou con diversos xornais, como ‘A Loita’, xornal vigués de tendencia republicana, do que foi correspondente en Lisboa desde 1907. Tamén colaborou en ‘Vida Galega’, ‘O Pobo Gallego’, ‘O Tea’ ou ‘Faro de Vigo’, entre outros.

Todas estas publicacións recolleron moitas das súas crónicas e colaboracións literarias, que asinaba baixo diversos pseudónimos, como ‘Pepe de Eirol’ ou ‘Orimar’. A pesar da distancia, Vidal nunca se esqueceu da súa terra nin dos seus paisanos polos que loitou, tanto no seu país de acollida como unha vez de volta a Galicia.

En 1915 casou en Mondariz con Lina Carreta Souto, coa que tivo dúas fillas: Celia e Luz, e nos anos 1920, a pesar da boa marcha dos seus negocios, decide retornar á súa terra e instálase en Mondariz.

En plena ditadura de Primo de Rivera é nomeado concelleiro do Goberno municipal (1923) e dous anos despois, eríxese en alcalde. Durante os seus anos como principal rexedor dese municipio modernizáronse as vías de comunicación, co arranxo de estradas e camiños municipais e o saneamento das augas e subministración eléctrico. Ademais, constrúese un mercado de abastos modernos con todas as medidas hixiénicas e pavimentos e a praza principal da vila, así como un xardín con mobiliario urbano. Estas actuacións valéronlle ser galardoado coa Cruz do Mérito Civil polo Goberno español da época.

En 1930, coa caída de Primo de Rivera, presenta a súa dimisión e intégrase no Partido Republicano Radical. En setembro de 1931 funda, co xornalista Afasto Carrera e co doutor Xosé Estévez, o xornal ‘O Sobroso. Xornal da República’, no que colabora e mostra as súas ideas de progreso e anticaciquiles. Co estoupido da guerra civil trasládase á localidade portuguesa de Monção e en 1958 é nomeado xuíz de paz. Tamén recibe unha homenaxe coincidindo co 50º aniversario da fundación de ‘Mocidade de Galicia’, e noméaselle ‘socio de honra’.

Ramiro Vidal faleceu en 1967 na súa terra natal, sendo recoñecido o seu papel a favor dos seus paisanos en Mondariz e Portugal.