
Sober | O goberno municipal anunciou que o chef Rafa Centeno será o pregoeiro da edición XLVI Feira do Viño de Amandi, que se vai celebrar os días 27, 28 e 29 de marzo de 2026. O pregón será o domingo 29 ao mediodía.
Luís Fernández Guitián, alcalde de Sober, destaca que “Centeno logrou un fito histórico para Galicia, para a provincia de Lugo e para Sober” ao converter o seu restaurante Vértigo no primeiro na historia de Lugo en recibir este recoñecemento.
A estrela de Vértigo, o proxecto máis persoal de Rafa Centeno, sitúa ao enoturismo galego no primeiro nivel nacional, onde apenas seis adegas en toda España contan cun restaurante estrela nas súas instalacións. Con isto, a adega Regina Viarum consolídase como un dos grandes referentes enoturísticos do noroeste peninsular.
Rafa Centeno fíxose cargo do restaurante Vértigo o pasado mes de xullo. Natural de Lugo, o cociñeiro é tamén propietario do reputado restaurante vigués Maruja Limón, distinguido tamén desde o ano 2010 cunha estrela da Guía Michelin.
O seu domicilio actual está na aldea de Francos, en Sober, desde onde pode achegarse andando ao restaurante e á bodega, situados nun espectacular paraxe do Canón do Sil.
O goberno de Sober valora o seu interese por asentarse en Sober, a súa intención de contribuír á revitalización do mundo do rural galego e a aposta e promoción dos produtos locais de proximidade que, xunto aos viños da subzona de Amandi, non faltan na súa carta. Na foto o alcalde Luís Guitián e Rafa Centeno.




