A Cañiza | O restaurante Os do Resero acolleu a presentación oficial da 59ª edición da Feira do Xamón da Cañiza, que se celebrará o venres 15 de agosto.
O acto contou coa presenza do Alcalde Luis Piña, acompañado de representantes institucionais galegos e portugueses que mostraron o seu apoio a unha das festas gastronómicas máis emblemáticas do verán galego.
O acto contou coa presenza do Delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Batista; os Alcaldes de Covelo e Melón, Pablo Castillo e Emilio Díaz; os Tenentes de Alcalde da Cañiza, Paula Bacelar e Miguel Anxo Antón; e o mestre xamoneiro e director do X Concurso Nacional de Cortadores de Xamón, Víctor Burgos. Además da degustación do xamón e as súas variedades estivo presente a colleita vitivinícola das adegas locais Abelán, e Eido da Fonte, un excelente Albariño con recoñecementos e premios.
Durante a súa intervención, Piña reafirmou o papel da Feira do Xamón como referente gastronómico en Galicia, pero tamén como motor de dinamización económica e cultural para todo o territorio: “A Cañiza é, sen dúbida, o epicentro do xamón galego. Levamos case 60 anos poñendo en valor un produto que representa a nosa identidade, a nosa historia e o esforzo das nosas xentes”.
Piña destacou que o xamón da Cañiza “é moito máis ca un alimento: é patrimonio, tradición e tamén futuro. Esta feira é a nosa bandeira. Con cada edición, damos pasos para consolidarnos como referente a nivel nacional”. Neste sentido, o Alcalde puxo sobre a mesa a necesidade de seguir evolucionando e apostar por unha visión máis ambiciosa da feira: “Temos que dar pasos de futuro. A nosa intención é orientar esta festa cara a unha gran feira de exposición do xamón e dos produtos da comarca, que posicione A Cañiza no mapa gastronómico nacional. Temos potencial, temos produto, e temos unha marca que funciona”. Tamén puxo en valor o impacto positivo que a feira ten na economía local: “O turismo gastronómico que xera o xamón contribúe directamente á hostalaría, ao comercio e á imaxe do noso concello. Durante estes días A Cañiza énchese de vida, de música, de cultura… pero sobre todo de orgullo”.
Cooperación transfronteiriza
David Regades, Delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, destacou o papel que teñen este tipo de eventos na dinamización do territorio: “A gastronomía é cultura, pero tamén é economía. Eventos como este xeran emprego, servizos e permiten fixar poboación no rural”. Ademais, avanzou a próxima creación do parque empresarial da Cañiza, que se integrará na rede de infraestruturas da Zona Franca de Vigo co apoio do Goberno de España.
Pola súa parte, o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Batista, puxo en valor a relación histórica entre Melgaço e A Cañiza: “O xamón é símbolo de unión entre territorios. Apoiar a economía rural é tamén protexer os nosos montes fronte aos incendios. Esta festa é exemplo diso”. Batista aproveitou para despedirse tras doce anos como presidente da Cámara, agradecendo a colaboración institucional e persoal con A Cañiza.
O Alcalde de Melón, Emilio Díaz, agradeceu a invitación e reivindicou a tradición da feira: “É unha festa que exalta o xamón, pero sobre todo ao pobo. Grazas ao xamón, A Cañiza é coñecida en toda Galicia”. Pola súa parte, o Alcalde de Covelo, Pablo Castillo, sinalou a importancia de promover os produtos locais: “Eventos como a festa do xamón ou do churrasco serven para promocionar os nosos produtos e os nosos concellos. A programación da Cañiza é excelente”.
Gastronomía, cultura e música.
“Como xa é tradición e previa á celebración da Feira, nos días anteriores o Concello desenvolverá outros actos co xamón como protagonista. O día 13 terá lugar a elaboración do tradicional bocadillo xigante, unha proposta singular coa que este ano aspiramos a superar os récords anteriores. Prepararase cunha barra de pan de máis de 20 metros e recheo do mellor xamón da Cañiza, e será o prestixioso mestre xamoneiro Víctor Burgos, director do Concurso Nacional de Cortadores de Xamón, o encargado de cortar en directo a loncha protagonista. Ao día seguinte, o 14, celebraremos a Master Clase de Xamón e Cata de Viños, unha actividade xa consolidada que permitirá degustar diferentes elaboracións de xamón acompañadas polos caldos tintos e brancos da nosa zona.
A programación musical será un dos pratos fortes da feira, con actuacións destacadas. A gran artista galega Mercedes Peón será a encargada de abrir o cartel de festas co seu espectáculo “INGRAVIDAS” o vindeiro martes 12 de agosto pola noite na Praza Maior da Cañiza.
Degustación para todos os públicos
O día grande da feira, o 15 de agosto, haberá unha degustación gastronómica popular con cinco elaboracións de xamón (serrano, asado, en tortilla, croquetas e empanada), acompañadas por viños albariños das adegas locais Eido da Fonte e Abelán ( ambas distinguidas con premios e recoñecementos a nivel autonómico e nacional) por só 8 euros.
Ademais da comida, incluirase pan, auga, un vaso de viño, unha pañoleta conmemorativa e un ticket para o sorteo de dous xamóns.
Para rematar, o Alcalde Luis Piña lanzou un convite á cidadanía: “Estamos preparados para recibir máis de 10.000 persoas. O día 15 será unha auténtica festa gastronómica e cultural. Que a xente veña, goce da experiencia e se vaia co desexo de volver á Cañiza”.