Que Cristo!.

Pobre rapaz este Daniel Serrano, que se lle ocorreu poñer o ser careto no canto do de Cristo para colgar na súa conta de Instagram. Fíxoo sabendo empregar programas de tratamento de imaxes e no ámbito dos seus para facer unha broma. Para máis inri colleu unha foto del na que tiña un piercing. Aparta Satanás, levantáronse os da Confraría da Amargura e amargárono. Ninguén lles aprendeu, aos da Amargura, aquela canción que a nós tanto nos fixeron cantar, aquela de “perdona a tu pueblo, Señor, perdona a tu pueblo, perdónalo Señor. No estés eternamente enojado, …etc.” Daquelas os fiscais non ían ás procesións de Semana Santa, cando Don José Ferro polo centro da cidade, na do Santo Enterro, berraba e facía cantar aos cofrades. Pero a cousa non queda aí, en memorias do pasado. A cousa é moito máis grave e ten que ver con iso de recortar dereitos. En concreto aquel máis fundamental, o dereito da libre expresión, e non só lle ocorreu a el, ao rapaz da foto, aféctanos a nós, a todos. Estamos diante de múltiples exemplos, de novo, da perda da leve democracia conseguida, mesmo na perda dalgo tan fundamental como a “liberdade expresiva”. Non é de agora, vén xa de vello. Ademais van engadindo delitos, de odio, de non redención das culpas, de ocultación sen transparencia, de silencios manifestos. Lembremos a Cassandra Vera, aquela moza pálida que se lle pasou pola cabeza facer uns tuits con chistes referidos a Carrero Blanco, man dereita de Franco e que tiña unha canción: “Carrero, Carrero, que haces tu subido en el alero?” da que, por certo, sinto dicirlles aos que se doian da broma que non é burla, que o seu autor morreu hai pouco. Pois ben, volvendo ao conto, a Cassandra condenárona a un ano de prisión! Que animalada! Unha parenta do mentado, Sr. Carrero, mesmo botaba as mans á cabeza escandalizada daquela decisión! Ah, pero tamén un grupo de rapeiros, coido eran unha ducia, que foron condenados tamén –nesta decadente forma de interpretar as leis- a dous anos e un día porque as súas letras seica eran subersivas, o que antes chamabamos crear conciencia. Lembro, canto tempo hai xa, a Suso Vaamonde cando cantou aquilo de “Cando me falan de España…” e mandábano para o caldeiro, con multa e todo. Menos mal que fuxíu ata que a razón lle devolveu a liberdade. Ata que a vinganza dos traidores pousou na balanza da comprensión e entendemento. Pero moito sufriron na familia e no arredor, os amigos que viamos como a xostra da suposta xustiza condena a palabra na súa libre expresión, mesmo de crítica. Pero volvedo a hoxe, tamén pasaron varios días no caldeiro aqueles monifates e titiriteiros que representaban unha obra e na obra aparecía un letreiro que poñía “Gora Alka-Eta”. Puf, todos os dedos sinalaron Eta e profanaban o silencio para, de paso, sinalalos e condenalos de inmediato por apoloxía do terrorismo e cousas varias. Na mesma condición actuaron políticos e xuristas para interpretar torticeiramente a lei cando meteron, en xaneiro deste ano pasado, ao cantante dun grupo “Def Con Dos” a un ano de cárcere por outros tuits non que facía graza do rei e de varios dirixentes franquistas. A cousa tería graza se non pasara da anécdota que é, pero neste país resulta que se están conculcando leis que protexen o dereito de expresión, da liberdade de dicir. Se seguimos así todos acabaremos no trullo e entón non terán eles sitio para cando sexan xulgados pola corrupción voraz que os persigue. Quizais o fan por iso, para saturar as prisións e quedar eles sen praza cando lles toque. A eles non será por expresión, senón por extorsión e corruptelas múltiples, tantas que se institucionalizaron e forman parte do sistema empobrecéndonos aos demais, castigándonos a este clase de caos que é o infortunio e crise. Tamén se pode ver, agora con máis claridade, a pouca independencia da xustiza, cada vez máis difuminadanos órganos do poder político, coñecido de vello pola súa forma de facer, antidemocrática e perversa que dá como consecuencias estes procederes de aliñamento que motivan actuacións case vergoñentas que desprenden unha total desconfianza e decepción do sistema, aínda maior. Nótase como estan controlados e influídos, como tenden a aquela vella usanza de todo atado e ben atado, …deixa de ser xustiza xusta, porque isto –digan o que queiran- non é xusto!

Mestre e músico.

Outros artigos