Non hai que ser un experto para analizar que, pasara o que pasara no cumio de Alaska entre Vladimir Putin e Donald Trump, o verdadeiro gañador deste encontro é o Kremlin. Alén das expectativas sobre o que se falara de Ucraína, incluso sen declaración oficial no relativo a un acordo para a súa resolución, queda claro que Putin rompeu neste cumio con máis de tres anos de illamento internacional por parte de Occidente. Ata o propio mandatario ucraíno Volodymir Zelensky acepta agora un cumio trilateral con Putin e Trump.
A posta en escena estaba servida para o triunfo diplomático, xeopolítico e propagandístico de Putin. Como procede no caso do anfitrión, Trump recibiuno con “alfombra vermella” e incluso aplausos ao único actor con cartas de poder clave para dar un curso ao conflito ucraíno; un tema que por certo pasou prácticamente desapercibido, degradado na súa atención cando menos oficialmente, o cal evidencia as expectativas a priori de Trump e Putin por propiciar un clima de distensión.
Noutro alarde de simbolismo propagandístico en clave de poder, o ministro de Exteriores ruso Serguéi Lavrov chegou a Alaska portando unha sudadera coas siglas “CCCP”, en referencia á URSS. A presentación ante os medios tras tres horas de cumio entre Trump e Putin reforzou aínda mais esta sintonía entre dous líderes que só entenden a linguaxe do poder: “agardo poder velo pronto”, díxolle Trump a Putin. “A vindeira vez en Moscova”, replicou un Putin que sae de Alaska con póker gañador na súa man.
“Esa linguaxe de poder que Trump e Putin tanto manexan obriga a considerar porqué Ucraína non ten a capacidade de decidir o seu destino nin sequera co apoio da UE e da OTAN”
Esa linguaxe de poder que Trump e Putin tanto manexan obriga a considerar porqué Ucraína non ten a capacidade de decidir o seu destino nin sequera co apoio da UE e da OTAN. Obviamente, Trump buscará manexar equilibrios xeopolíticos entre Rusia, Ucraína, a UE e a OTAN para tentar asegurar o que agarda sexa un triunfo diplomático da súa xestión, quen sabe se incluso pensando en que lle dean o Premio Nobel da Paz.
Pola súa banda, Putin consegue de facto que EEUU, ata agora o principal apoio de Zelenski, recoñeza os dominios territoriais rusos obtidos na fronte ucraína. Está por ver se a apertura exterior de Trump vía cumio de Alaska verificará tamén a posibilidade da redución das sancións estadounidenses contra Rusia en aras de beneficiar unha economía rusa que, fóra do colapso como vaticinaban en Occidente co comezo da guerra en 2022, segue en pe aínda que obviamente sen non menores problemas. Non é por tanto casualidade que o Kremlin, previo ao cumio de Alaska, adiantara que as conversas tratarían principalmente as oportunidades económicas que se abren para Rusia e EEUU dentro do novo contexto.
“Putin consegue de facto que EEUU, ata agora o principal apoio de Zelenski, recoñeza os dominios territoriais rusos obtidos na fronte ucraína”
O cumio Trump-Putin tamén terá incidencia noutras latitudes xeopolíticas, especialmente China. Por todos é sabido que o estridente mandatario estadounidense busca crear unha fenda na relación estratéxica entre Moscova e Beijing, un eixe euroasiático con capacidade suficiente para contrarrestar a hexemonía estadounidense e “atlantista”. O obxectivo de Trump é tentar romper esa alianza sino-rusa atraendo a Putin ao seu redil para distancialo do xigante chinés. Xa tentouno facelo en 2017 cando chegou á presidencia. Pero en 2025 cunha guerra prácticamente directa entre Rusia e OTAN en Ucraína, o contexto é visiblemente distinto. Putin, hábil negociador, moi seguramente tentará manexar os equilibrios co seu irrestrito aliado chinés, principal apoio ruso durante estes anos de guerra en Ucraína, evitando que o actual clima de distensión con EEUU implique un afastamento innecesario na relación sino-rusa.
“O obxectivo de Trump é tentar romper esa alianza sino-rusa atraendo a Putin ao seu redil para distancialo do xigante chinés. Pero o contexto 2025 é totalmente distinto a esas expectativas”
Para o Kremlin, o espazo euroasiático é o seu “estranxeiro contiguo”, o seu “patio traseiro” que mantén baixo influencia co seu aliado chinés para tentar repeler a presenza occidental. Mentres Trump e Putin dábanse a man en Alaska se celebraba en Kirguizistán un estratéxico Consello Intergovernamental Euroasiático na que Rusia ten un papel protagónico. Por certo, o pasado 8 de agosto na Casa Branca, Armenia e Azerbaiyán selaron o seu compromiso de asinar un tratado de paz, un éxito diplomático de Trump que Putin, o líder chinés Xi Jinping e incluso Irán, o outro actor deste eixe euroasiático, observan con lupa tentando interpretar se EEUU quere volver a ocupar un rol protagónico en Eurasia.
En 1867, o zar Alejandro II vendeu Alaska a EEUU. Entón o Imperio ruso argumentou dificultades económicas e expectativas de que ese inmenso territorio rico en petróleo e minerais non caera en mans do Imperio británico, para entón o principal inimigo ruso. En 2025, Putin, o novo “zar”, convértese no primeiro líder ruso en pisar ese territorio para precisamente asegurar os imperativos xeopolíticos da nova Rusia que quere volver a pisar con forza no escenario internacional.