Purdeus celebrou a XII Festa da Pisa das Castañas

Houbo mercado tradicional e cocido para xantar nun souto

Ourense | A aldea de Purdeus, no Concello de Parada de Sil, celebrou a XII edición da Festa da Pisa da Castaña, unha recreación dun antigo labor que lle permitía á veciñanza desfrutar das deliciosas castañas desta zona da Ribeira Sacra. Dende o sequeiro (onde se afumaban durante preto dun mes) ata a degustación, o público podía seguir e mesmo participar no proceso tradicional da pisa para quitarlle a casca e a pel á castaña seca.

Dende o sequeiro foron chegando os sacos coas castañas secas para comezar coa recreación da pisa. Unha vez alí, por quendas de catro persoas batían á vez sobre un tallo de madeira eses sacos nun ambiente festivo e animado pola música tradicional.

Os sacos foronse baleirando para dar paso ao abandoxado, outra fase na que se lle quitaba a segunda pel á castaña. Este froito, xa limpo, depositábase de seguido en cestos de madeira para que degustaran os asistentes.

Nun souto próximo abriuse o mercado tradicional de produtos, con gran diversidade de postos de gastronomía e artesanía: viños, queixos, chocolate, marmeladas, licores, aceite, doces. O xantar popular, (a 15 euros) para 250 comensais serviuse nunha carpa instalada xunto ao mercado, cun cocido completo: lacón, cachucha, androlla, tenreira, orella e morro, acompañados de bica, viños Mencía e Godello da Ribeira Sacra, auga, café e chupitos.

Sobre a relevancia da castaña e do legado ligado á ela falou Manuel Pardo, delegado da Xunta en Ourense, que felicitou “a todos os alcaldes que a través das festas tradicionais van recuperando todo ese coñecemento que non se pode perder, porque ás novas xeracións están co internet e cunha uniformidade cultural. Con este tipo de eventos mantemos a esencia que nos define como pobo e como cultura”. Fixo fincapé en que a beleza dos soutos “é froito do traballo de moitas xeracións temos que seguir traballando en conxunto as administracións e coa sociedade para que se manteña”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.