Punta 25 Hotels Group reabrirá o balneario de Baños de Molgas

Alfonso Rueda salienta o potencial do turismo termal para crear emprego e fixar poboación no rural galego

Ourense | Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, salientou o potencial do turismo termal para crear emprego e contribuír á fixación de poboación nos concellos do rural galego.

O presidente autonómico mantivo un encontro con Agustín Pescador, director xeral de Punta 25 Hotels Group, e outros representantes da compañía que vén de adquirir o balneario de Baños de Molgas co obxectivo de reabrilo como establecemento de 4 estrelas.

Na reunión, na que tamén participou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández, destacouse a aposta da Xunta por afianzar a Galicia como potencia no sector termal, a través do Plan de Turismo Termal ao que se destinan máis de 10 M€ ata 2028. O obxectivo é sentar as bases para seguir modernizando, diversificando e fortalecendo un sector clave para o turismo e a economía galega.

Tal e como se puxo de relevo na xuntanza, o balneario de Baños de Molgas, inaugurado en 1873, é un establecemento emblemático para Galicia e conta cun valor engadido por estar situado en plena Vía da Prata do Camiño de Santiago. O concello, cuxa historia está ligada ás augas termais que lle dan nome desde a época romana, ofrece moitos recursos naturais e patrimoniais que incrementan o seu atractivo turístico.

Apoios ao sector
O Plan de Turismo Termal 2028 ten como obxectivo reposicionar a imaxe de Galicia como destino termal. É unha das medidas incluídas na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que inclúe outras accións transversais que tamén repercuten no turismo termal.

No marco desta planificación, convocáronse dúas liñas de axudas para a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico de establecementos na categoría de hoteis balneario e hoteis talaso da comunidade, para así ampliar a oferta existente de aloxamentos turísticos deste tipo. E tamén para a rehabilitación ou reforma de establecementos deste tipo que xa estean en funcionamento.

Estase a traballar no desenvolvemento do proxecto Galicia Spa Pilgrimage, unha iniciativa impulsada por Turismo de Galicia que une o termalismo coas rutas xacobeas como novo produto estratéxico para impulsar a desestacionalización e fortalecer o posicionamento internacional de Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.