Ponteareas/PSdeG-PSOE | O PSdeG de Ponteareas NON participaremos no acto institucional “Praia sen Fume”, convocado para este venres coa presenza do Sr. Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia e da corporación municipal. Consideramos que este tipo de eventos, aínda que aparentan ter boas intencións, non poden ocultar o grave deterioro que sofre a sanidade pública galega, especialmente na nosa vila, onde o centro de saúde continúa sen médicos suficientes, con demoras que afectan directamente á atención que reciben os nosos veciños e veciñas.
Esta pasada semana, o PSdeG presentou no Parlamento de Galicia unha proposición de lei para garantir por norma unha cita en atención primaria nun prazo máximo de 48 horas. A iniciativa incluía medidas concretas como:
a) Recuperar as Xerencias de Atención Primaria, eliminadas polo PP en 2012.
b) Establecer un número máximo de consultas por profesional que permita unha atención digna.
c) Reforzar os centros máis tensionados en todo o país.
d) Evitar a externalización da atención a clínicas privadas. Esta proposta foi rexeitada polo Partido Popular, que unha vez máis demostra que a atención primaria non está entre as prioridades da Xunta de Galicia, mentres en Ponteareas e na comarca seguimos sufrindo as consecuencias da falta de recursos.
Dende o PSdeG-PSOE reafirmamos o noso compromiso cunha sanidade pública, universal e de calidade. En consecuencia, non podemos participar en actos institucionais que, lonxe de achegar solucións reais, funcionan como escaparates propagandísticos para quen vota en contra de garantir dereitos básicos e melloras para a nosa sanidade pública. Se o conselleiro realmente quere facer unha achega útil este venres, o que debería facer é programar un encontro coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado, escoitar as súas demandas lexítimas e ofrecer solucións concretas aos problemas que padecen a diario milleiros de persoas en Ponteareas, así como no resto dos concellos da comarca do Condado-Paradanta.