PSOE Ponteareas acusa á Alcaldesa de “desprezar” ao SAF

Indicaron que Nava Castro “negouse a debater” a proposta de municipalizar este servizo e que "fuxiu do pleno municipal"

Ponteareas/PSdeG-PSOE | O PSdeG-PSOE de Ponteareas denuncia con firmeza a actitude autoritaria e carente de empatía do goberno municipal encabezado por Nava Castro, que hoxe se negou a debater a moción para rescatar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e devolvelo á xestión directa dende o concello.

A moción presentada por todos os grupos da oposición xorde ante a falta de diálogo por parte do goberno municipal e a ausencia prolongada da empresa concesionaria, que non se presentou en ningún momento desde que asumiu o servizo hai seis meses. As traballadoras do SAF, levan días en folga indefinida denunciando incumprimentos graves, como retrasos nas nóminas, pagas extras sen cotizar, escaseza de material básico, débedas con provedores……..

Lonxe de amosar sensibilidade ou responsabilidade, a alcaldesa fixo oídos xordos ás demandas das traballadoras e da oposición, e proseguiu coa aprobación inicial dos orzamentos do vindeiro ano. Esta actitude non só vulnera o espírito democrático do pleno, senón que ignora deliberadamente unha emerxencia social que afecta a ducias de familias usuarias así como as profesionais que sosteñen o SAF.

A voceira municipal do PSdeG, Vanesa Fernández, manifestou que “O vivido hoxe no salón de plenos é unha vergoña institucional. A alcaldesa deu as costas ás traballadoras do SAF, que levan días en folga indefinida por incumprimentos graves. A súa negativa a debater a moción amosa unha falta total de sensibilidade social e de respecto democrático. Non se pode gobernar ignorando o sufrimento de quen sostén os servizos públicos.” Tras impor os orzamentos sen diálogo, o goberno municipal abandonou o pleno ás presas, sen ofrecer ningunha explicación, deixando o salón baleiro e suspendendo de facto a sesión.

Desde o PSdeG-PSOE de Ponteareas esiximos:
– A asunción inmediata da xestión directa do SAF
– O inicio dun proceso de dialogo e recoñecemento as persoas traballadoras.
– A restitución do diálogo democrático no Concello que hoxe foi claramente vulnerado coa suspensión de facto da sesión plenaria.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.