PSOE e PP avalan no Senado unha moción contra a violencia machista

A senadora socialista Carmela Silva asegura que os “populares” piden “o que "o goberno xa está a facer”

Madrid/PSdeG-PSOE | O Grupo Parlamentario Socialista anunciou o seu voto favorable á moción debatida na Comisión de Xustiza do Senado, presentada polo Partido Popular, para a creación de novas seccións especializadas de violencia sobre a muller en Galicia. Faio non porque a iniciativa popular represente novidade algunha, senón porque o Goberno de España xa adoptou ou anunciou todas as medidas que agora reclama o PP.

Desde o PSOE lembrouse que nunca se investiu tanto en xustiza especializada como baixo os gobernos de Pedro Sánchez. No marco da Lei Orgánica 1/2025 e o Real Decreto 422/2025, xa se crearon novas seccións en Santiago e Ourense, transformáronse xulgados na Coruña e Vigo –con compensación prevista en forma de prazas de instrución– e está prevista a creación de dúas novas seccións en Lugo e Pontevedra, ademais de novos reforzos fiscais e xudiciais.

Ademais, destacouse que a defensa do mantemento do xulgado de instrución e a creación de novas seccións en Vigo e A Coruña foi unha esixencia firme dos alcaldes Abel Caballero e Inés Rey, fronte a un Partido Popular máis preocupado por confrontar que por buscar solucións reais para a xustiza galega. Na súa intervención, a senadora Carmela Silva denunciou tamén que a Xunta de Galicia segue sen garantir as gardas 24 horas en violencia de xénero, unha obrigación que lle corresponde e que continúa sen cumprir.

Así mesmo, advertiu sobre os atrasos de ata 14 meses nos informes das Unidades de Valoración Forense Integral, imprescindibles para protexer ás vítimas e garantir unha resposta xudicial adecuada. “O PP non ten lexitimidade para dar leccións despois de anos de recortes. Hoxe piden o que xa está aprobado ou en marcha. Se os xulgados mantéñense e reforzan, é pola acción do Goberno e por alcaldes como Abel Caballero e Inés Rey, non por eles”, concluíron os senadores socialistas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.