PSOE, a enésima traizón ao Pobo Saharauí.

O Goberno Español rendeuse, unha vez máis, á chantaxe Marroquí referíndose á proposta de Rabat de autonomía para o Sahara Occidental como “a máis seria, realista e obxectiva… etc., para resolver o conflito do Sahara Occidental”, en claro apoio ao enfoque unilateral, en contradición coa lexitimidade, o dereito internacional e a libre práctica democrática por parte do pobo saharauí do seu dereito inalienable á autodeterminación e a independencia.

A posición expresada polo goberno español está absolutamente en contradición coa lexitimidade internacional. As Nacións Unidas, a Unión Africana, a Unión Europea, a Corte Internacional de Xustiza, a Corte Europea de Xustiza e todas as organizacións rexionais e continentais non recoñecen soberanía algunha de Marrocos sobre o Sahara Occidental. Con esta decesión lexitima a represión, os crimes de guerra, crimes contra a humanidade e o saqueo de riquezas que Marrocos continúa empregando contra o pobo saharauí.

Cabe lembrar que España segue sendo a potencia administradora do Territorio que se atopa á espera da descolonización, responsabilidade da que non pode desposuírse de maneira unilateral nin dar as costas á súa responsabilidade política como principal responsable do sufrimento do pobo saharauí desde o sanguento abandono e ilegal entrega do territorio ao réxime marroquí en 1975.

Ademais de supoñer unha traizón ao pobo saharauí, o partido socialista engana aos seus electores non cumprindo co seu programa electoral, concretamente na páxina 286 do seu programa para as eleccións xerais de 2019 pódese ler:

(…) Promoveremos a solución do conflito de Sahara Occidental a través do cumprimento das resolucións de Nacións Unidas, que garanten o dereito de autodeterminación do pobo saharauí. Para iso, traballaremos para alcanzar unha solución do conflito que sexa xusta, definitiva, mutuamente aceptable e respectuosa co principio de autodeterminación do pobo saharauí, así como para fomentar a supervisión dos dereitos humanos na rexión, favorecendo o diálogo entre Marrocos e a Fronte Polisario, coa participación de Mauritania e Alxeria, socios craves de España, que o enviado da ONU para o Sahara Occidental está a propiciar (…)

A historia das traizóns socialistas aos saharauís xa vén de lonxe. Os saharauís nunca esquecesen as palabras de Felipe Gonzalez nun discurso pronunciado en 1976 nos Campamentos de Refuxiados Saharauís, en Tindouf -Alxeria,: “Sentimos vergoña de que o Goberno de España non haxa só feito unha mala colonización senón unha peor descolonización, entregando o territorio en mans de gobernos reaccionarios como os de Marrocos e Mauritania … Sabemos que a vosa experiencia é a de recibir moitas promesas nunca cumpridas. Eu quero, por conseguinte, non prometervos algo, senón comprometerme coa Historia … O noso partido estará convosco ata a vitoria final”. Hoxe Felipe González é un fervente defenso da monarquía marroquí e o compromiso que no seu día Gonzalez ofreceu aos saharauís volve ser hoxe incumprido por Pedro Sánchez cedendo ás teses de Marrocos e branqueando a súa invasión. Nesta liña movéronse outras grandes figuras socialista como o expresidente Zapatero, asistindo á cidade ocupada de Dajla convidado por Marrocos, Miguel Ángel Moratinos, avogando pola autonomía marroquí #ante a ONU, Susana Díaz, impedindo que o seu Vicepresidente autonómico Diego Valderas de Esquerda Unida visitase os Campamentos de Refuxiados Saharauís en 2015 e Josep Borrel, o entón ministro de Exteriores, bloqueando en 2018, coa complicidade do Partido Popular, un debate sobre o conflito do Sahara Occidental no Congreso dos Deputados.

Nado no ano 1974, un ano antes da entrega do Sahara por parte de España a Marrocos. Activista polos dereitos do Pobo Saharaui, é membro de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Fundador e administrador da web www.porunsaharalibre.org