PSdeG sostén que o Alcalde de Ribadavia goberna a golpe de “taxazos”

Asegura que o municipio perdeu habitantes debido á “neglixente e nefasta xestión”

Ribadavia | O PSdeG-PSOE de Ribadavia acusa ao alcalde do Partido Popular, César Manuel Fernández, de gobernar a base de “taxazos” e de incrementarlle os recibos aos veciños e ás veciñas, namentres o concello segue perdendo poboación a pasos a axigantados debido a súa “nefasta e neglixente” xestión. As e os socialistas denuncian que o goberno municipal do PP vén de anunciar unha subida do 50% da taxa aos usuarios e ás usuarias do pavillón municipal de deportes en 2026.

Esta tarde celebraranse as comisións informativas previas ao pleno no Concello de Ribadavia. O grupo municipal socialista tivo acceso á información e na mesma atopáronse con ata dez de modificacións de prezos públicos, entre as que chama a atención a subida do 50% da taxa aos usuarios e usuarias do pavillón de deportes. As e os socialistas sinalan que “estamos ante un nova estafa do alcalde e o seu equipo de goberno, que fartouse de dicir que acadarían importantes investimentos, cando a realidade é que o único que está facendo e subir os impostos á veciñanza, namentres os investimentos prometidos non chegan”.

O PSdeG-PSOE de Ribadavia pon o foco na obra de reforma do pavillón municipal de deportes, cuxo orzamento acada xa 1.300.000 euros. Neste senso apuntan que “o alcalde vendeu a bombo e platillo que o pagarían a Xunta e a Deputación de Ourense, pero agora atopámonos con que o concello ten que asumir un pago de 300.000 euros”. Destacan que debido a este investimento, o alcalde “opta agora por subir as taxas aos usuarios, nun 50%, un prezo que nos parece abusivo e fora de lugar”.

“Estamos ante o alcalde dos taxazos e das subidas de impostos”, afirman dende o PSOE ribadaviense, á vez que apuntan que “subiu o recibo da auga nun 40%, o do lixo nun 30% e agora atopámonos con esta subida do 50%”. As e os socialistas indican que “as obras son necesarias, pero teñen que ir acordes ao poder adquisitivo do municipio e non optar por obras faraónicas, nas que para poder pagalas, haxa que recorrer a quitarlles cartos do peto á veciñanza de Ribadavia”.

Con estas subidas, unha familia residente no municipio pasará dos 100 euros aos 150, e un mozo dos 84 aos 126 euros nos abonos. No caso de non residentes as subidas repercutirán tamén enormemente, un xubilado, por exemplo, pasará de pagar 84 a 126 euros. “Consideramos que estas subidas de prezos son un espolio para a veciñanza, que ten que afrontar este aumento de taxas por mor da nefasta e neglixente xestión dun alcalde que non consigue investimentos para a vila e que opta por repercutirlle esta falta de inversións ao peto dos veciños e veciñas de Ribadavia”.

As e os socialistas poñen o foco tamén na perda de poboación do concello que tal e como indican os datos “baixou por primeira vez dos 5.000 habitantes e xa andamos polos 4.900, namentres outras vilas seguen aumentando a súa poboación”. Neste senso fan fincapé en que “se o concello perde poboación, se perde poder adquisitivo e se aínda por riba lle repercutes á veciñanza esta pésima xestión, o resultado só pode ser a hecatombe” e apuntan que “estamos ante o alcalde e o goberno municipal do fracaso absoluto e da desidia total”.

Dende o PSOE lembran que durante os seus anos ao fronte do concello, o goberno municipal afrontou importantes obras, como a renovación de dous campos de fútbol e tal e como afirman “buscamos investimentos e non se nos ocorreu subirlle ás taxas por uso das instalacións á veciñanza, xa que entendiamos que a situación económica das familias e usuarios e usuarias non era para tirar foguetes”. Poñen o foco tamén no caso da piscina municipal “que este verán pechou 20 días antes e os abonados non recibiron nin un só euro por non poder empregar a piscina nese período”. O motivo tal e como explican “foi que a pesar de prometer unha nova captación de auga, o alcalde non a construíu e tivo que recorrer a que o goberno socialista puxo en marcha de urxencia e que el mesmo tanto criticou”.

Afirman que o pavillón municipal “debía ser o gran éxito de instalacións deportivas da comarca e servir de epicentro para usuarios do noso e doutros concellos, pero tememos que con esta subida indiscriminada, a xente remate por darse de baixa”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.