PSdeG-PSOE denuncia a desprotección das turbeiras por parte da Xunta de Galicia

Así o fixo o deputado Pablo Arangüena ante a Comisión de Medio Ambiente

Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, denunciou hoxe a desprotección das turbeiras por parte da Xunta, a pesar de que a súa conservación “é fundamental” na loita contra o cambio climático. Fíxoo, na Comisión de Medio Ambiente, a través da presentación dunha pregunta oral á directora xeral de Patrimonio Natural.

“O que nos di a ciencia é que destruír un só centímetro cadrado de turbeiras é un disparate ecolóxico e eu atrévome a dicir que é un crime contra a humanidade”, advertiu o dirixente socialista, xa que este tipo de humidais “representan o 3% da superficie do noso planeta, pero almacenan o 30% do CO2 e en Galicia aínda máis porque as turbeiras galegas son especialmente eficaces como sumidoiros de carbono”.

Tanto é así que se calcula que na nosa comunidade “hai 10.000 hectáreas, das cales arredor dun terzo poden estar incluídas en Rede Natura, pero quedan outros dous terzos sen ningún tipo de protección”, alertou.

“As turbeiras nin sequera figuran no inventario de humidais que debería estar elaborado segundo un decreto da propia Xunta porque incomprensiblemente 15 anos despois de que un decreto do Executivo autonómico dixese que hai que facelo, hoxe non existe como tal”, lamentou, o que “representa un naufraxio do sentido común, do estado de dereito, da ecoloxía, do clima e das nosas expectativas como especie”.

Neste marco, o socialista reivindicou que “a mellor representación” de turbeiras está en Galicia, xa entre elas figuran hábitats prioritarios da Unión Europea, en concreto das tubeiras de cobertura, que se atopan sobre todo na serra do Xistral, no norte de Lugo e na costa norte de Ferrol, sendo “case exclusivos” de Galicia. Malia isto, criticou, a súa protección pública por parte da Xunta “é moi deficiente”.

Na actualidade, engadiu, “hai ameazas sobre boa parte das turbeiras de Galicia, como as que están no macizo central ourensán, as da Serra do Cando, da Groba ou do Galiñeiro en Pontevedra e tamén boa parte das de Lugo e Coruña, ameazadas fundamentalmente por dous tipos de agresións: os parques eólicos e as plantacións de eucaliptos”.

Ao fío disto, Arangüena censurou a falla de implicación orzamentaria por parte da Xunta coa protección do medio ambiente cando, exemplificou, no ano 2018 anunciou unha liña de axudas de case dous millóns de euros para fomentar a reforestación de zonas da Rede Natura 2000 con carballos e bidueiros, un anuncio que cualificou como “insignificante” dada a necesidade de protexer máis de 10.000 hectáreas de turbeiras.

Ante este escenario, propuxo ao Executivo autonómico que protexa a “totalidade” das turbeiras do noso territorio “dada a súa enorme importancia ecolóxica na loita contra o cambio climático” e que elabore e publique o inventario de humidais contemplado no decreto da Xunta para desenvolver o réxime xurídico dos humidais protexidos de Galicia, incluíndo nel a totalidade das turbeiras de Galicia.