PSdeG denuncia as graves contradicións da Deputación de Ourense sobre o Museo de Antropoloxía de Castro Caldelas

Até 236 pezas e tres bibliotecas completas permanecen almacenadas de forma dispersa en diferentes localizacións, segundo os socialistas

Ourense | O grupo provincial socialista na Deputación de Ourense denuncia as “graves contradicións” entre as manifestacións públicas do goberno provincial sobre o Museo de Antropoloxía de Castro Caldelas e a documentación oficial que obra en poder da propia corporación. Os socialistas cualifican de “inadmisible” e “extremadamente grave” que o presidente Luís Menor cuestionase publicamente no pleno de setembro a credibilidade das afirmacións do etnógrafo e editor Olegario Sotelo Blanco sobre a cesión da súa colección ao museo, cando a documentación oficial demostra de xeito irrefutable que o caldelao ten toda a razón.

O caso remóntase ao 23 de setembro de 2025, cando o Grupo Provincial Socialista rexistrou unha pregunta sobre o estado do proxecto a raíz dunha información publicada por El País na que Sotelo Blanco denunciaba o “secuestro” da súa colección etnográfica. A resposta do director da Área de Cultura foi categórica: “neste momento non consta que haxa fondos da Fundación Sotelo Blanco cedidos á Deputación”. Máis grave aínda, no pleno do 26 de setembro o presidente Menor puxo en tea de xuízo a credibilidade dun recoñecido persoeiro ourensán que cedeu o seu valioso patrimonio etnográfico á institución provincial. Porén, a documentación nos arquivos da propia Deputación contradí de forma absoluta a versión oficial.

Probas documentais contundentes
O 11 de outubro de 2017 asinouse un convenio de colaboración entre Deputación Provincial, Concello de Castro Caldelas e Fundación Sotelo Blanco para a posta en funcionamento do Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra. Este convenio, asinado por José Manuel Baltar Blanco como presidente da Deputación, establece expresamente que a Fundación debe ceder en depósito a colección á Deputación para ser exposta no museo. Apenas un mes despois, o 16 de novembro de 2017, o Pleno extraordinario da Deputación aprobou o acordo de situar o museo no centro comarcal de Castro Caldelas, onde o daquela presidente anunciou publicamente que “o centro volverá á actividade transformado no Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra”.

Entre 2017 e 2018 a Deputación aprobou tres partidas orzamentarias específicas para o proxecto que suman case 60.000 euros: 10.000 euros en novembro de 2017 para o Concello, 25.000 euros en xuño de 2018 para a Fundación Sotelo Blanco e 22.045 euros máis en novembro de 2018 cando a Xunta de Goberno ratificou expresamente o convenio de colaboración. Todos estes acordos e partidas quedaron debidamente rexistrados nos arquivos da Deputación, desmintindo así a versión actual do goberno provincial.

Pezas dispersas e desleixo da Deputación
O grupo provincial socialista constatou mediante verificacións presenciais que a Deputación ten no seu poder ducias de pezas do museo dispersas en Castro Caldelas, no Pazo de Vilamarín e no Museo do Viño de Ribadavia, tratándose dunha realidade material verificable que contradí a versión do goberno provincial. Empregados do Concello e da propia Deputación realizaron o traslado desde Santiago de Compostela baixo a supervisión de Manoel Carrete, asesor da Deputación, depositando as pezas entre o Museo de Ribadavia e o cemiterio de Castro Caldelas.

Sotelo Blanco denuncia que se descoñece a localización exacta de tres bibliotecas completas: a súa propia, a do maxistrado Claudio Movilla e a do escritor Xabier Costa Clavell. O continxente inclúe elementos de gran valor patrimonial como un tear restaurado pola Deputación que agora é obxecto de desleixo. Durante case oito anos, este patrimonio permaneceu almacenado de forma dispersa e descontrolada, agardando un proxecto anunciado publicamente, apoiado por convenio e reflectido en múltiples partidas orzamentarias.

“A contradición é absoluta”, sostén o deputado socialista Diego Fernández. “Ou a Deputación está a faltar á verdade nas súas manifestacións actuais, ou os documentos oficiais custodiados nos seus propios arquivos son falsos e a realidade física das pezas trasladadas é unha ilusión. Esta disonancia resulta inadmisible nunha institución pública e require unha explicación inmediata que restaure a credibilidade institucional”, finca Fernández.

Os socialistas esixen que o presidente Luís Menor rectifique publicamente as súas manifestacións que cuestionaron a credibilidade de Olegario Sotelo Blanco e que presente un plan concreto para dar cumprimento aos compromisos adquiridos hai case oito anos. “A Deputación debe explicacións urxentes á cidadanía sobre esta grave situación que afecta a un proxecto cultural de primeiro orde para a provincia e que supón un agravio intolerable a un destacado investigador do patrimonio etnográfico galego”, conclúe Fernández. Na foto, reunión de membros da Fundación Sotelo Blanco co presidente da Deputación, Luís Menor Pérez.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.