Cartelle | O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia a “inacción” e “desidia” do goberno municipal do Partido Popular en relación co inicio dos trámites para que a Torre de Sande pase a ser de titularidade pública e se proceda a súa rehabilitación e posta en valor. As e os socialistas volverán a levar o pleno unha iniciativa para que o concello actúe “dunha vez por todas” e se poña fin ao “abandono” que sofre este ben patrimonial.
Dende o grupo municipal socialista critican que “xa fai case un ano que o Concello constituíu unha comisión de voceiros, na que a concelleira, ex alcaldesa e senadora, Carmen Leyte, quedou ao cargo da mesma”, pero tal e como explican as e os socialistas “a día de hoxe non houbo unha soa reunión, nin un só avance ao respecto”. O PSOE considera que “é primordial” sentar a negociar cos actuais propietarios deste inmoble “ben para que inicien a súa restauración ou para que procedan a ceder a súa titularidade ao dominio público para poder actuar canto antes”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, afirma que “levamos dende o ano 2020 loitando para que a Torre de Sande pase a titularidade pública”, pero tal e como apunta “ata o de agora só nos atopamos con promesas que non valen nada e palabras baleiras, pero a situación segue sendo a mesma”. O edil socialista considera que o estado actual da torre “é moi preocupante”, xa que tal e como relata “aumentaron os esbarrigamentos de partes do muro e os danos van en progresión xeométrica, sendo cada vez máis factible un derrubamento ante a falla de acción”.
Pereiras Vázquez tamén esixe unha resposta “urxente e contundente” e pídelle ao Partido Popular e ao alcalde, Jaime Sousa, que “non pechen os ollos ante esta grave situación cunha das xoias arquitectónicas do municipio que cae a pedazos”. Neste senso lembra que en maio de 2023, presentáronse máis de 850 firmas nun escrito dirixido a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, pero tal e como apunta “a día de hoxe non recibimos resposta algunha nin por parte de Patrimonio, nin por parte da consellería, o que amosa a falta de interese por recuperar este ben patrimonial e que pase a ser de dominio público”.
Accións xudiciais sen continúa o desleixo
Dende o PSdeG-PSOE de Cartelle e ante a “gravidade” da situación anuncian que tomarán todas as medidas necesarias para que a Torre de Sande pase a dominio público e non descartan por en mans da xustiza a situación de abandono que vive. Tal e como explican as e os socialistas “xa consultamos cun avogado a situación para dar conta do estado no que se atopa a torre e trasladar a fiscalía os feitos”.
As e os socialistas fan fincapé en que “estamos ante unha posible situación ilícita, que pode repercutir na apertura de dilixencias”. Neste senso, tamén destacan que “temos preparado un escrito xurídico, recompilada toda a documentación ao respecto e no caso de que non haxa avances e siga o silencio por parte do PP no concello e na Xunta, tomaremos as medidas legais oportunas”.
Dende o grupo municipal socialista lembran que ao longo dos últimos cinco anos, o PSdeG presentou numerosas iniciativas, tanto a nivel municipal como autonómico, esixindo unha actuación “urxente” para frear o “abandono” que vive a Torre de Sande. Neste senso, tamén apuntan que as iniciativas a nivel municipal, foron aprobadas por unanimidade, pero tal e como explican “o goberno local non moveu un só dedo para buscar unha solución ante o grave deterioro que sofre a Torre de Sande, que encabeza a lista vermella de patrimonio abandonado na provincia de Ourense”.