Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense considera que a decisión tomada pola Xunta de Galicia de retirar a varios bombeiros das catro provincias da primeira liña, en plena vaga de lumes, “é totalmente inadmisible e unha falta de respecto á provincia e á veciñanza e medios que loitan contra o lume de forma incansable”. As e os socialistas denuncian que esta decisión “foi tomada con nocturnidade e aleivosía” e subliñan que “ninguén se explica como se poden retirar medios da provincia de Ourense cando o martes a noite había 7 incendios activos no noso territorio, 3 deles de grandes dimensións”.
A nova da retirada dos bombeiros, executada polo goberno galego o martes pola noite e coñecida a través dos medios de comunicación no día de onte, é “unha auténtica tomadura de pelos e un insulto tanto para a veciñanza da provincia, como para aqueles que se están deixando a pel en primeira liña na loita contra os incendios”. En Ourense “precísanse todas as mans posibles para axudar a rematar coa gravísima situación que estamos a vivir, ningún profesional na loita contra o lume é prescindible”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, subliña que “con 7 incendios activos na provincia, con milleiros de hectáreas calcinadas, con aldeas enteiras arrasadas polos lumes é incomprensible ver como o goberno galego retira bombeiros de Ourense”. Neste senso, o líder das e dos socialistas ourensáns tamén fai fincapé en que “namentres Rueda e o Partido Popular pedíanlle a bombeiros que volvesen as súas casas, o líder dos populares reclamáballe ao Goberno central máis medios na loita contra o lume”.
O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que no día de onte “Rueda e a Consellería de Medio Rural tiveron que dar marcha atrás ante a presión popular e os comunicados de diferentes corpos de bombeiros, que non entendían esta decisión”. Esta nova decisión é, en palabras de Álvaro Vila, “un exemplo de que o presidente da Xunta e a conselleira de Medio Rural toman decisións sen medir as consecuencias, amosando a súa nula capacidade de xestión e só a presión popular é capaz de facer que recúen e se dean de conta dos seus erros”.
O PSdeG afirma que a prioridade neste momento “é acabar coa vaga de incendios que arrasa a nosa provincia, controlalos e apagalos e poñer en orde a situación”, pero tal e como apuntan, unha vez a situación estea controlada, “esixiremos todas as responsabilidades políticas que sexan necesarias, comezando por pedir a dimisión ou cese da conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez e de todas aquelas persoas que non estiveron a altura nesta crise”.
Críticas a xestión do incendio de Trevinca
Dende o PSOE ourensán critican a “pésima” xestión levada a cabo polo goberno galego en relación ao lume que arrasa as Terras de Trevinca, tras penetrar na provincia por Zamora. PSdeG considera “inadmisible” que durante varios días, e ata este martes, “este incendio non existira nos rexistros da Xunta e nos seus informes diarios sobre incendios activos, cando o lume avanzaba descontrolado e arrasando todo o seu paso”.
As e os socialistas sinalan que “é un insulto que a Xunta falara nos seus primeiros informes de 20 hectáreas queimadas, cando xa se superaban as 3.000 e puntos dun valor medio ambiental incalculable como a Lagoa da Serpe, Pena Negra, Pena Surbia ou Pena Trevinca eran pasto das chamas”. Neste senso apuntan que “foi gracias á veciñanza de Casaio e a xente chegada doutros puntos que se puido controlar a situación nalgunhas zonas e que non ardese por completo o Teixadal de Casaio, un bosque milenario que é unha xoia única en toda Europa, con teixos de máis de 20.000 anos”.
O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao goberno galego que “actualice os datos sobre as hectáreas arrasadas na provincia, que non oculte incendios activos e que faga un balance completo da gravísima traxedia que estamos a padecer”. Tal e como apuntan “as diferencias entre os datos da Xunta e os que ofrece Copernicus, o programa de observación da terra da Unión Europea, son abismais”. Motivo polo que lle esixen ao Partido Popular “rigor e información clara e veraz nas súas comunicacións”.