Proxecto Salvaterra Net-Zero para neutralizar o carbono

Presentarase o vindeiro 23 de marzo no salón de plenos

Salvaterra de Miño | O vindeiro xoves 23 de marzo, ás 20:30 no salón de plenos, o Concello de Salvaterra de Miño presentará o proxecto Salvaterra Net-Zero: un plan de economía circular para que converterse nun municipio neutro en carbono reverta no ben do monte e comercios de Salvaterra de Miño.

O mercado do carbono permite a todo tipo de entidades compensar cada tonelada de CO2 que emiten, contribuíndo económicamente a proxectos forestais que absorban ese dióxido de carbono. Así, convértense en entidades net-zero ou neutras en carbono, co conseguinte impacto reputacional e resposta popular. A premisa do Concello é aproveitar este sistema para xerar un plan de apoio recurrente á boa xestión da nosa masa forestal, ao tempo que nos posicionamos como un municipio de referencia e exemplar en materia de prácticas sostibles e negocios que vaian un paso por diante.

Hoxe, a neutralización (ou compensación) das emisións producidas por todas as actividades profesionais é unha realidade. Nunha sociedade cada vez máis comprometida co medio ambiente, e consumidores con maior esixencia de que as empresas actúen, presentarse como marca ou entidade sostible convértese en algo diferenciador. Tamén é unha estratexia para adquirir unha vantaxe competitiva, anticipándose á obriga inminente.

Con este evento queremos mostrar ás empresas, comercios, hosteleros e forestais da zona cómo participar e beneficiarse deste sistema, definir o papel do concello como facilitador, e resolver as dúbidas que poidan xurdir.

Obras no cruceiro de Fornelos
O Concello de Salvaterra de Miño, dentro da liña de posta en valor do seu patrimonio histórico e cultural e a través da subvención da Deputación de Pontevedra para rehabilitación do Patrimonio, ven de iniciar os traballos de limpeza e conservación do cruceiro do Casco, na parroquia de Fornelos, por un importe de preto de 5.000,00€.

As obras a realizar serán a limpeza superficial do monumento utilizando medios manuais que respecten a pátina da pedra, a reparación da fenda que presenta o capitel na súa cara oeste, así como a substitución do perpiaño serrado que presenta a plataforma no vento norte, que será substituída por outra labrada a man, para posteriormente instalar un bordiño perimetral de granito que o protexa dos vehículos a motor. Desta forma, mellorarase a estética e as condición de conservación deste ben cultural, ao tempo que se embelece e coida un nodo de comunicación no barrio do Casco protagonizado por estradas e camiños locais.