Proxecto piloto para o transporte metropolitano en Ourense

Unha demanda histórica que afecta á comarca

Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, presidiu no Centro Cultural Marcos Valcárcel unha nova reunión da Comisión do Transporte Metropolitano, onde están representados os concellos da comarca de Ourense e os diferentes partidos políticos, co obxectivo de sacar adiante “esta demanda histórica que afecta á practicamente toda a metade da poboación da nosa provincia”, sinalou Menor.

O presidente provincial valorou como “moi produtiva” a reunión, na que se acordou instaurar un proxecto piloto que afecta aos concellos limítrofes da cidade para poder definir o número de liñas e avanzar en cuestións técnicas, como a definición das paradas, frecuencias, a afección que tería nas liñas de transporte interurbano e os custes que suporía a implantación deste novo servizo.

Desde a Deputación “lideramos” esta iniciativa co obxectivo de solucionar un “problema histórico de mobilidade para a cidade e a comarca de Ourense”, e tras varias reunións de traballo “podemos dicir que estamos dando avances sobre cuestións concretas que comezan a achegar solucións a esta situación”, salientou o presidente provincial.

Así mesmo, puxo de relevo “a vontade política” de todos os grupos para chegar a este acordo e trasladou o “compromiso firme” da Deputación de colaborar desde os ámbitos técnico e económico para dotar deste servizo á cidadanía ourensá.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.