Proxecto piloto en Monforte para o peche de ciclos produtivos en ovino e caprino

Impulsado pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA)
O proxecto foi presentado no Foro “Nacer e Medrar”, organizado pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA)

Lugo | O Parador de Monforte de Lemos acolleu hoxe a presentación dun proxecto piloto para pécheo de ciclos produtivos en Galicia a través do aproveitamento de produtos cárnicos e lácteos de ovino e caprino, o Proxecto Ruminantes ou “Praleite”.

O proxecto foi presentado no Foro “Nacer e Medrar”, organizado pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración de Santander Agro para promover o networking e intercambio de iniciativas emprendedoras entre empresarios e outros axentes do sector agroalimentario.

Jaime López, secretario da CEL e de FAGA, e José Tome, presidente da Deputación de Lugo, presentaron o Foro. Ambos coincidiron na necesidade de pechar ciclos produtivos no agroalimentario galego e no impacto que isto pode ter na loita contra o despoboamento. En palabras de Jaime López, “non nos queda máis remedio que mirar cara ao rural”, e de José Tome, “producimos pero non transformamos, e iso é unha pena”; “temos unhas materias primas e uns produtos buenísimos, pero temos que traballar para que o valor engadido quede en Galicia”.

Os veterinarios e diplomados europeos en pequenos ruminantes, hoxe exercendo na Universidade de Zaragoza, José Mº González Sainz e Teresa Navarro Rodríguez, foron os encargados de realizar o estudo de campo en Galicia e desenvolver o proxecto Ruminantes ou Praleite (Proxecto piloto para a implantación de granxas de pequenos ruminantes de aptitude leiteira en zonas rurais do Sur da provincia de Lugo- Praleite, Pequenos Ruminantes Aptitude Leite).

González Sainz presentou “ Praleite” #ante unha vintena de persoas, entre as que se atopaban veterinarios, membros de OVICA e empresas transformadoras con interese na produción da tipoloxía de explotacións prevista no proxecto. Entre outros, estiveron presentes representantes de Naturleite, Subministracións Megaro Foods, Entrepinares, Naturleite ou Dayrlac.

Proxecto Ruminantes
O proxecto Ruminantes ou Praleite xorde “por iniciativa da propia industria”, segundo destacou o presidente de FAGA e CEO de Megaro Foods, Carlos Cebrián. “Non nace como un proxecto subvencionado, se non que somos as propias industrias as que temos interese na produción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e iso garante a súa viabilidade”.

“Este interese -subliña- é o que nos leva a buscar ferramentas como a constitución dunha Fundación e o estudo especializado dun modelo de explotación que sexa viable e sostible en Galicia”. Neste punto, na posta en marcha de FAGA e a realización do estudo contamos “co apoio da Deputación de Lugo”.

A realización do estudo supuxo a visita de explotacións gandeiras por todo Galicia, e especialmente no sur de Lugo pola dispoñibilidade de hectáreas, e a definición dun modelo de explotación de ovino e caprino, alternativa ao gando vacún, especialmente para produción e leite destes animais que nestes momentos practicamente non existe nesta Comunidade, aínda que se aproveitaría tamén a carne.

O fin de garantir a súa implantación a futuro, con viabilidade e a longo prazo, para o modelo de explotación definido en Praleite estudáronse a fondo esas tres vertentes, as necesidades de investimento e financiamento, número máximo de animais que poida atender en cada unha para garantir a conciliación laboral e familiar e evitar o abandono das novas xeracións destas explotacións, investigación e innovación, cocientes de rendabilidade e xeración de emprego, entroutros. Estúdiase agora a localización da primeira granxa deste tipo para comprobar os resultados do estudo e expandir o modelo por toda Galicia.

Produtores e empresas
No Foro tamén interviñeron, tras a presentación do proxecto, Luís Rivera e Miguel Viña, presidente e veterinario da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) respectivamente, e representantes de Naturleite, Entrepinares, Subministracións Megaro Foods S.L., Santander Campo e a consultora de innovación Medrar.

Desde OVICA resaltaron que Praleite é un “proxecto ilusionante” porque “nace cunha base inicial moi forte, tanto polas posibilidades de financiamento e o interese da industria como por ter perfectamente estudadas cuestións relacionadas coa sanidade, a alimentación dos animais ou a propia conciliación dos gandeiros”.

Por parte das empresas destacouse, en todos os casos, o gran interese que existe na produción deste tipo de explotacións de poñerse en marcha, pois en moitos casos están a traer para transformar leite e carne de ovino e caprino de fóra.

Precisamente este interese da industria, que garante a compra de toda a produción deste tipo de explotacións, “é unha garantía de éxito para o proxecto”, destacan desde FAGA.

FAGA
A Fundación Agroalimentaria de Galicia FAGA), constituída en xaneiro deste ano co impulso da Confederación de Empresarios de Lugo ( CEL), a Escola Galega de Carniceiros, Subministracións Megaro Foods e Embutidos Montepicato, está detrás deste proxecto.

Entre os seus obxectivos fundacionais atópase o fomento da cooperación entre os distintos estamentos da sociedade co fin de reactivar e relanzar o sector agroalimentario galego ou a promoción da innovación e a tecnoloxía para a consolidación do sector agroalimentario da comunidade e o impulso de novos produtos, canles de distribución, procesos e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos.

Igualmente, FAGA busca aglutinar e apoiar accións para facer fronte aos retos da industria agroalimentaria galega, promover iniciativas empresariais e transformadoras que redunden na promoción, a transformación, a modernización e a recuperación do sector agroalimentario da comunidade e a mellora do rendemento das explotacións e potenciar e/ou colaborar con estratexias que redunden en beneficio do sector agroalimentario galego.

Do mesmo xeito, a Fundación Agroalimentaria Galega persegue captar e atraer investimentos nacionais ou internacionais e potenciar a peme agroalimentaria galega e o desenvolvemento do emprendemento nas zonas rurais de Galicia.

Tamén colaborar coas administracións públicas e empresas agroalimentarias co fin de conseguir selos e denominacións de calidade diferenciada nas producións agroalimentarias galegas, así como para recuperar e poñer a producir terreos en estado de abandono en Galicia, entre outros obxectivos. Tendo en conta estes obxectivos, a propia Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, declarou a FAGA Fundación de interese galego e de interese para o desenvolvemento do rural en Galicia.