Proxecto europeo da Deputación da Coruña para reducir o risco de incendios forestais

Trátase da iniciativa forestal GEFRECON, cofinanciado con fondos FEDER

A Coruña| Reducir o risco de incendios. Esa é a razón pola que a Deputación da Coruña busca un Concello da provincia que participe nunha proba piloto de uso compartido de maquinaria agrícola forestal. A actuación forma parte do proxecto europeo de xestión forestal conxunta GEFRECON, no que participa o ente provincial.

Así pois, unha das accións asignadas á Deputación dentro da iniciativa, consiste en levar a cabo unha experiencia piloto de uso compartido deste tipo de maquinaria como medida preventiva contra os incendios. Para poder desenvolvela, a institución xa puxo en marcha a contratación de equipamento forestal consistente nunha biotrituradora –astilladora e unha desbrozadora de martelos.

“A Deputación abre agora un proceso para seleccionar un Concello da provincia que estea interesado en empregar esas ferramentas”

A Deputación abre agora un proceso para seleccionar un Concello da provincia que estea interesado en empregar estas ferramentas nas súas actuacións agrícolas ou forestais. Como condicións, que os útiles sexan empregados en actividades municipais ou de entidades asociativas radicadas no Concello, e asumir o coste do seu mantemento ao longo de, polo menos, 4 anos.

Á hora de escoller o municipio atenderase a diversos criterios, prestando atención a se o concello está considerado como Zona de Alto Risco (ZAC), se conta con algunha agrupación de protección civil que contribúa á defensa contra incendios forestais, cun Plan Municipal de Prevención e defensa contra incendios deste tipo e con brigadas forestais para o desenvolvemento de labores de prevención.

O acordo que asinen o ente provincial e o concello seleccionado conterá a recepción e aceptación da cesión da maquinaria, as obrigas do municipio e da Deputación e os gastos.
Os municipios da provincia interesados na proposta deben enviar as súas solicitudes antes do día 15 de decembro a través do correo electrónico pel@dacoruna.gal, achegando  anexo debidamente cumprimentado.

Proxecto europeo GEFRECON
Esta iniciativa forma parte do proxecto europeo GEFRECON (Xestión Forestal Conxunta para Prevención de Incendios en Territorio POCTEP), que se enmarca no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP), e cofinanciado polo FEDER.

Esta actuación ten como obxectivo desenvolver accións conxuntas e innovadoras que reduzan o risco de incendios forestais no territorio POCTEP. Para conseguilo, búscase o desenvolvemento de plans conxuntos, a sensibilización da poboación, a información e formación en auto protección e a promoción da creación de empresas forestais.

 

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!