Protocolo nos eventos despois da Covid 19 en Ourense

No CIFP A Farixa con xornadas de formación profesional e sanitaria
José Luis, director do centro, Carlos Fuente, e Rosa Fernández.

Ourense | O novo contexto xurdido por mor da pandemia actual esixe a actualización do profesorado a este novo escenario, sobre todo naqueles entornos onde as relacións sociais formais son fundamentais.

Respondendo a esa necesidade, no CIFP A Farixa desenvolveronse unhas xornadas destinadas ao profesorado de formación profesional co obxectivo coñecer e aplicar os protocolos COVID a diferentes tipos de eventos e montaxes en establecementos turísticos, así como reflexionar sobre os cambios provocados polas novas medidas no desenvolvemento de eventos, reunión ou congresos.

O relator foi o doutor Carlos Fuente Lafuente, unha das figuras máis relevantes do protocolo no noso país que, ademáis de autor de varias publicacións especializadas, é director do International School of Event Management & Communication (ISEMCO) e vicepresidente do Observatorio Profesional de Protocolo e Eventos.

O Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa foi inaugurado no ano 1981 como centro de Formación Profesional para as especialidades de Electrónica de Comunicacións, Equipos de Informática e Delineación de Edificios e Obras, dos estudos da Lei de Educación de 1970, impartindo os dous niveis para a obtención dos títulos de Técnico Auxiliar ( FPI) e Técnico Especialista ( FPII).

A pesar da súa curta vida, a evolución foi constante como o demostra o ser o único centro da capital ourensá que se acolleu voluntariamente á implantación anticipada do Ensino Secundario Obrigatorio no ano 1992, completando máis tarde todo o ciclo de LOGSE coa impartición dos tres tipos de Bacharelato: Científico-Técnico, Ciencias da Natureza e Saúde e Humanidades e Ciencias Sociais.

No seu momento tamén foi o primeiro centro en impartir ensinos dos ciclos formativos, comezando coa familia profesional de Electricidade e Electrónica, con ciclos de grao medio e superior, mellorando ata o momento a súa oferta coas familias de Edificación e Obra Civil e Hostalería e Turismo.