Nestes últimos días non faltaron informacións (moitas veces anónimas) circulando polas redes sociais que amosaban mapas dos lumes de agosto de 2025 que coincidían coa presenza de litio e outros minerais, en Portugal ou con proxectos de parques eólicos, nas bisbarras do suleste galego. Por outra banda, é de xeral coñecemento que non se poden mudar os usos urbanísticos do monte queimado, mais acada esa protección aos futuros proxectos de actividades de minaría ou parques eólicos?
A lexislación galega sobre montes establece un réxime de protección especial para os montes queimados, co obxectivo de evitar cambios de uso e favorecer a rexeneración natural ou a reforestación. As restricións máis relevantes son i) a prohibición de cambio de uso forestal; os terreos forestais que fosen afectados por un incendio non poden ser obxecto de cambio de uso forestal durante un período de 30 anos. Isto significa que, en xeral, non se pode construír ou destinar ese terreo a un uso non forestal (por exemplo, agrícola, gandeiro ou urbanístico) durante ese tempo. Esta prohibición pode estenderse no tempo se o terreo non recupera as súas condicións de rexeneración ou se non se realiza unha restauración adecuada ii) A recuperación da vexetación; os titulares dos terreos queimados están obrigados a realizar labores de restauración da cuberta vexetal, xa sexa mediante a rexeneración natural ou a reforestación activa e máis iii) a prohibición de obras e construcións agás as que estean ligadas directamente á xestión forestal.
“A lexislación galega sobre montes establece un réxime de protección especial para os montes queimados (…) Esta normativa garante de xeito eficaz previr a urbanización e máis as actividades da minaría a ceo aberto”
Esta normativa garante de xeito eficaz previr a urbanización e máis as actividades da minaría a ceo aberto, pois que tanto unha como a outra precisan dunha remuda no uso do terreo que está prohibida. O incumprimento destas prohibicións constitúe infracción grave ou moi grave, con potentes sancións económicas e a obriga de restaurar o terreo.
Moito máis complexo, porén, é determinarmos se esta prohibición de 30 anos de cambio de uso dos terreos queimados é aplicábel á construción de parques eólicos. A lexislación sectorial galega que regula a xeración eólica permite autorizar parques eólicos e as súas infraestruturas de evacuación no solo rústico ordinario e mesmo no solo rústico de especial protección, logo do informe favorábel do órgano autonómico correspondente. Para as autorizacións tramitadas dende o 01.01.2024 rexe, por outra banda, a declaración do interese público superior para os proxectos de parques eólicos e infraestruturas de evacuación competencia da Xunta de Galicia. Nun eventual conflito entre a interpretación das regras das lexislacións galegas de montes e eólica semella que a autorización do parque sempre podería encaixar neste réxime, que como pouco constituiría unha desas causas excepcionais previstas na propia prohibición de cambio de uso por 30 anos inserida na lei galega de montes.
Como afecta, pois, a un proxecto eólico a queima dos terreos onde se vai instalar ou da súa contorna? De primeiras semella que o lume non lle achega ningún beneficio no trámite e si determinadas chatas e incomodidades materiais. Mais cumpriría garantir, dende a praxe administrativa e xudicial e dende a lexislación, que a avaliación ambiental válida sempre fose a da situación anterior ao lume, tendo en conta a esixencia legal de restauración da situación ambiental previa.
Mais a historia recente amosou que a expansión da produción eólica non impediu, senón que máis ben fomentou, a despoboación das áreas do rural galego atinxidas por esta caste de proxectos e máis a redución das actividades económicas non eólicas supostamente compatíbeis. A sensibilidade da veciñanza require, pois, que tanto a oposición, hexemonizada polo BNG, como a sociedade civil vixíe atentamente que se cumpran, en todo caso, as obrigas de restauración ambiental e que non se prioricen proxectos eólicos que non fosen compatíbeis coas esixencias desa mesma restauración.