Protección Civil entregou en Ourense medallas ao mérito

A xestión das emerxencias e a prevención son prioritarias para o Goberno galego, segundo o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda

Ourense | Alfonso Rueda, presidente da Xunta, valorou a “entrega e moi bo saber facer” que desempeñan todos os voluntarios de Protección Civil, os servizos de emerxencia e de extinción de incendios, as forzas e corpos de seguridade e as forzas armadas. Neste sentido, avogou por seguir afondando na coordinación entre todos os implicados para prestar a mellor asistencia posible ante situacións complexas.

Así o destacou durante a súa participación no acto de entrega de medallas ao mérito que organiza anualmente a Asociación provincial de agrupacións de Protección Civil (AVPC) de Ourense. Na gala, á que tamén asistiu o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recoñeceuse a voluntarios individuais, a varias AVPC, e tamén a outros servizos relacionados coa xestión das emerxencias.

Rueda agradeceulles a todos o seu traballo diario e fixo especial fincapé no comportamento exemplar que tiveron durante a vaga de lumes do verán pasado. Ao respecto, destacou que a coordinación entre todos neses días foi fundamental para poder facer fronte a unha situación moi difícil. “Este ano fostes imprescindibles e, neses días tremendos, cada un deu o mellor de si. Ogallá que non teñamos que pasar por outra situación así, pero debemos aprender e non esquecer para estar preparados”, asegurou.

Lembrou que para a Xunta son prioritarias as áreas de atención ás emerxencias e de prevención, de aí que nos últimos anos veña facendo unha importante aposta por estas materias, un compromiso que tamén se reflicte nos orzamentos de 2026.

Fixo referencia ao investimento realizado nos últimos anos na área de Protección Civil. Así, citou, entre outros avances, os 15 millóns de euros que se investiron en reforzar o seu equipamento ou os 3 millóns destinados á formación. Grazas a isto, e á implicación dos voluntarios, hoxe Galicia conta cun sistema de protección civil en máximos históricos, con 4.500 persoas repartidas entre as 236 AVPC.

Agradeceu a toda a “marea laranxa” o seu compromiso e a súa “vocación de entrega”, e tamén a todos os alcaldes e alcaldesas que resultan “fundamentais” á hora de “crer e impulsar a importancia de ter estas agrupacións nos concellos”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.