Propostas eficaces, eficientes e medíbeis a prol da lingua.

Cadernos da viaxe.

No último artigo “Un país coa súa língua” analisamos o documento do mesmo título que ven de presentar o Consello da Cultura Galega(CCG).Un documento, como dicíamos, alicerzado nunha metodoloxía novidosa que tenta ofrecer unha base común para todos os axentes políticos, sociais, económicos e Administracións Públicas para que cada quen poida desenvolver e verificar os resultados das accións que execute en cadanseu ámbito de actuación. Unha metodoloxía de análise que moi dificilmente poderá cuestionar na orde científica a Xunta.

Cómpre debullarmos aquí algunhas das propostas concretas máis novidosas e, quizais, prometedoras, desta análise propositiva do CCG. Na área sectorial da gobernanza e planificación, canda criterios xerais de organización e xerarquización funcional das políticas de normalización salienta o artellamento de canles técnicas coa Administración do Estado e co Poder Xudicial para acadar unha plena interoperabilidade documental e dixital e maila promoción xeral do plurilingüismo na Administración do Estado en interfaces, procedementos e plataformas comúns. Esta medida uniríase na área sectorial da infraestrutura dixital e tecnoloxías lingüisticas, coa plena operatividade en galego das aplicacións Atenea (usada na Administración de Xustiza para elaboración e xestión documental; obtela axiña en galego é o alicerce de calquera política de normalización do galego na xustiza) IANUS (acceso ás historias clínicas das persoas usuarias da sanidade pública galega), Cinfo (IA e tecnoloxía de video) e Gacela (xestión da enfermaría) canda o uso da IA na transcrición, xeración documental e apoio administrativo en galego.

“Cómpre debullarmos aquí algunhas das propostas concretas máis novidosas e, quizais, prometedoras, desta análise propositiva do CCG”

Na mesma área da gobernanza reclámase un financiamento estábel e plurinanual, o que é absolutamente fulcral para desenvolver políticas serias. O que non ten financiamento blindado, plurinaual e estábel non existe na axenda pública. Cómpre lembrar que o proxecto de Orzamentos da Xunta só orzamenta uns 13 M€ para o 2026, mentres o orzamento aprobado polo BNG e PSdeG para o 2009 atinxía os 21,7 M€.

Esta proposta financeira vai acompañada dunha proposta específica no eido do servizo público establecendo unha rede pública de servizos de normalización lingüística-SNL_ (e específicamente SNL de seu para a administración de xustiza e para a administración sanitaria galega) con criterios comúns e financiamento estábel.

Na área da contratación pública e calidade do servizo introdúcense as cláusulas lingüísticas na contratación pública, como esixencia de provedores e contratistas, así como a introdución de unidades xudiciais en galego e a operatividade en galego coa fiscalía, notariado e corpos de seguranza pública.

En vindeiros artigos analisaremos as propostas máis salientábeis desta análise propositiva do CCG no ámbito da educación, sociedade, cultura, economía, medios de comunicación públicos e privados, turismo e deporte.

A arrincadeira. O soberanismo galés derrota aos extremistas do Reform UK de Farage na elección parcial de Caerffili.
O xoves 23-Ou os nacionalistas galeses do Plaid Cymru, cun 47,6% dos votos, gañaron o escano da elección parcial de Caerffili ao Parlamento galés cun… 47,6%! fronte ao 36% da extrema dereita antieuropea e antigalesa de Farage. Os laboristas, históricos gañadores deste escano, obtiveron só un 11% dos votos, mentres os conservadores quitaron un 2% e os verdes e mailos liberais demócratas cadanseu 1,5%.

Gales e Escocia celebrarán o 7 de maio de 2026 cadansúas eleccións nacionais para cadanseu Parlamento. Na actual dinámica de afundimento de conservadores e laboristas semella que os soberanistas do Plaid Cymru e do Scottish National Party poden ser as forzas arredor das que se nuclee o voto demócrata e progresista. Como ven de pasar agora no distrito de Caerffili.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.