Proposta de conceder a nacionalidade española aos saharauís, Si, pero…

O pasado 14 de febreiro o Pleno do Congreso dos Deputados aprobaba, por 168 votos a favor,  118 en contra (os do PSOE) e 53 abstencións, iniciar a tramitación da Proposición de Lei sobre concesión de nacionalidade española aos saharauís nados baixo a soberanía española.

O texto, presentado polo Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, propón a concesión da nacionalidade española por carta de natureza aos e as saharauís nados no territorio do Sahara Occidental baixo a soberanía de España, antes do 26 de febreiro de 1976, establecendo medios probatorios e o procedemento para obter a nacionalidade e busca recoñecer así “a profunda vinculación do Sahara Occidental con España.

A proposta presentada será remitida á comisión competente e abrirase o prazo de presentación de emendas. En caso de presentarse emendas á totalidade, o texto deberá superar o debate de totalidade ante o Pleno. Posteriormente, a iniciativa continuaría no seu caso a súa tramitación en relatorio e comisión, antes da súa remisión ao Senado.

Hai varias cousas no texto que me preocupan. A primeira é que a proposta só afecta as persoas nadas antes do 26 de febreiro de 1976. Isto pode dar lugar a engano, xa que España segue sendo a potencia administradora de iure do Sahara Occidental, por tanto a súa responsabilidade non caducou o 26 de febreiro de 1976.

É comprensible que unha parte da poboación saharauí se alegre e ven nesta proposta unha solución rápida aos problemas de emigración e de legalización dos “sen papeis”.

Con todo, a maioría das persoas nadas antes de 1976 xa teñen documentos, polo que esta proposta cubrirá en realidade a moi poucas persoas, se é que chega a poñerse en práctica.  España terá necesariamente eleccións como moi tarde en decembro, e para entón, previsiblemente, esta proposta quedará en suspenso e esquecida nun caixón.

O Estado Español abandonou, traizoou e xamais asumiu a súa responsabilidade co Pobo saharauí, con esta proposta bríndaselle unha oportunidade de ouro a España de pretender dar por pechada unha descolonización que nunca existiu.

De feito, o que sería innovador e correcto sería que o Estado español recoñecese a nacionalidade saharauí, o Estado saharauí e os documentos oficiais dese Estado, e que non esixise visado aos saharauís para entrar en España. “Cando os españois ocuparon o Sahara Occidental, ninguén lles pediu visado”.

España ten a obrigación de resolver este conflito liderarando proceso de descolonización na ONU, a Comisión de Descolonización da ONU aínda considera o Sahara Occidental territorio pendente de descolonizar e España a súa potencia colonizadora. Liderar este proceso con firmeza levaría a un referendo onde os saharauís decidisen o seu futuro con todas as garantías.

Non é de xustiza obrigar aos saharauís, aínda que sexa a unha pequena parte deles, a ter unha nacionalidade distinta da súa.

En definitiva, isto podería facilitar a vida a algunhas persoas, pero non a moitas, e sería máis administrativa que política. Non vexo nesta proposta un gran impacto político nin un cambio na vergoñosa posición do estado español con respecto ao Sahara Occidental.

Nado no ano 1974, un ano antes da entrega do Sahara por parte de España a Marrocos. Activista polos dereitos do Pobo Saharaui, é membro de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Fundador e administrador da web www.porunsaharalibre.org