Prohibido xogar en Ponteareas.

A Praza Maior de Ponteareas, tras a peonalización realizada hai uns anos, converteuse nun espazo vivo, ateigado de veciños que se reúnen nas terrazas para conversar e compartir opinións, mentres gozan dun café, dunha caña ou dun refresco.

Neste espazo multifuncional, no que os nenos poden xogar, a xente pasear con calma ou sentarse relaxadamente nun banco para gozar da animada atmosfera, o goberno de Ponteareas acaba de colocar uns carteis nos que, segundo o Partido Socialista, prohíbese o xogo infantil. A primeira lectura soa como si alguén estivese prohibindo xogar a Xoaniña, a polis e cacos, ao escondite inglés, á corda, á pita, etc. Pero a realidade é diferente. Atravesar a Praza Maior de Ponteareas é como cruzar un campo de batalla. Unha especie de paintball, pero con munición real, na que hai que facer un exercicio brutal de concentración, reflexos, velocidade de reacción e visión periférica para saír indemne. Esquivar balonazos, patinetes, monopatíns e bicicletas é todo un exercicio de supervivencia urbana, que non está ao alcance de calquera.

Eu, pola miña profesión, recibín impactos de balóns de fútbol, de baloncesto, de pelotas de tenis nos ollos, raquetazos na cara, incluso varias roturas de gafas e outra de escápula. Son riscos inherentes á profesión. Cando, impartindo unha sesión de educación física, recibo un balonazo na cara, procuro non pensar na dor que me produce, senón no servizo de retroalimentación que me ofrece ese impacto, para saber se hai que mellorar a coordinación óculo-pédica ou a óculo manual, ou se nas sesións nas que se traballa a forza, debería de baixar ou subir a intensidade.

“Pedirlle paciencia ás persoas que buscan pasar un rato agradábel non me parece xusto cando, por exemplo, reciben un pelotazo na cabeza”

Agora ben, pedirlle paciencia ás persoas que buscan pasar un rato agradábel non me parece xusto cando, por exemplo, reciben un pelotazo na cabeza, acaban no chan despois de ser atropeladas por unha bicicleta, ou ven como un balón reconvertido en mísil fai saltar polo aire as consumicións da mesa.

É máis, dicir que esta medida atenta contra os dereitos dos nenos, soa moi impactante, coma si estivésemos nunha campaña de UNICEF ou de Save the Children en lugares nos que realmente os dereitos dos nenos están sendo esmagados. Aquí non é o caso, nin por asomos, e se isto se segue a permitir, a Praza Maior continuará sendo un lugar no que resulte difícil garantir a comodidade de todos.

Pregúntome: cal sería a reacción dos socialistas se os xubilados se puxesen xogar á petanca? Consentiríano para non romper co modelo de vila aberta, inclusiva e pensada para as persoas? Ou descartaríano para que ninguén reciba un perdigonazo metálico de 800 gramos, que é o que pesa unha bola de petanca?

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.