
Entrimo | A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense celebrou a primeira reunión deste ano, que tivo lugar na biblioteca Tomás de Liberio, na Terrachán (Entrimo). O secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, subliñou durante a súa intervención que “seguimos cumprindo o compromiso adquirido no V Congreso Provincial, levando as executivas provinciais polos diferentes concellos da provincia”. O líder dos e das socialistas ourensáns sinalou neste senso que “o obxectivo e percorrer o territorio, estar a carón dos alcaldes, alcaldesas, voceiros, voceiras e militantes e coñecer de primeira man os problemas reais de cada municipio”.
A Executiva anunciou o cronograma da segunda rolda de reunións comarcais, iniciándose hoxe mesmo coa primeira reunión cos representantes da Baixa Limia. Aprobouse tamén o regulamento de ConMemora, a xuntanza anual do socialismo ourensán, que nesta ocasión chegará a súa V edición. Asemade tratouse a convocatoria do próximo Comité Provincial, que se celebrará o 30 de marzo.
“Seguimos traballando, unidos e con forza para amosarlle á cidadanía que o PSdeG-PSOE de Ourense é o partido polo que ten que pasar o cambio que tanto precisa esta provincia”, apuntou Álvaro Vila. O secretario provincial tamén fixo fincapé en que “estamos preparados para formar os mellores equipos e as mellores candidaturas, na procura de acadar os resultados máis óptimos ao longo da provincia e aumentar o noso poder municipal, con novas alcaldías” e apuntou que “imos traballar intensamente no territorio co obxectivo de conseguir un partido máis forte, activo e que recupere músculo en cada comarca e en cada concello”.
Reunión cos representantes comarcais da Baixa Limia
A Executiva iniciou a segunda rolda de reunións comarcais na que estiveron presentes representantes de Calvos de Randín, Entrimo, Lobios, Muíños, Lobeira e Bande. Destacan que “entramos na antesala das eleccións municipais de maio de 2027 e é de vital importancia comezar a traballar concello a concello e comarca a comarca para confeccionar as mellores candidaturas”.
Durante a reunión perfiláronse os obxectivos principais de cara ao ano electoral, onde as e os socialistas apostan por “reforzar as alcaldías de Calvos de Randín e Entrimo, aumentar a presencia en municipios como Lobeira, Bande, Muíños e Lobios, buscando algunha nova alcaldía e pelexar por conseguir o deputado provincial do partido xudicial de Bande, clave para propiciar un cambio na Deputación de Ourense”.




