Salceda de Caselas | Ante unha nutrida audiencia, o Auditorio Municipal recibiu este 26 de agosto os resultados da análise antropolóxica na foxa de Soutelo cuxos traballos foron iniciados en xullo pasado baixo a dirección do forense Fernando Serrulla e a colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña.
A investigación histórica previa estivo a cargo de Xosé Ramón Paz Antón e de Helena Pousa, utilizando igualmente testemuñas orais. Os resultados serán enviados á Fiscalía de Memoria Democrática.
No acto presentado polo concelleiro de Cultura Álex Rodríguez, ademais de Serrulla participou vía online Eduardo Breogán, director da empresa Breogán Arqueoloxía encargada dos traballos de excavación. Tamén estiveron presentes a xa mencionada Helena Pousa; a Alcaldesa Loli Castiñeira e membros do seu equipo de goberno; entre outras personalidades.
A falta dos resultados xenéticos, Serrulla explicou que puideron atoparse dúas das sete persoas soterradas no adro da Igrexa de Soutelo e que foran asasinados o 1º de setembro de 1936. Tal e como informa a investigación histórica, estas vítimas eran veciños do Porriño, Tui e Salceda.
O primeiro dos restos descubertos foi o de Manuel Rodríguez Castiñeira, coñecido como ‘O Gitano’, falecido nos anos 1960, polo tanto fóra da represión de 1936. De acordo a Serrulla, “presentaba o cranio estourado por un proxectil de arma de fogo de 9 mm e unha fractura no antebrazo esquerdo previa ao enterramento”.
O segundo corpo mostraba dous impactos de bala de calibre 7 mm, que, segundo Serrulla, intúe a participación doutros verdugos. Tomando en conta as características de idade, sexo e estatura, Serrulla especula con que estes corpos poderían tratarse de Antonio Dalmiro Domínguez González (26 anos); e Manuel Fernández Diz (30), ámbolos dous veciños de Tui. Como tarefas pendentes quedan por atopar os restos dos outros cinco asasinados: José Cordal, Ramón Pérez, Severo Boente, Leoncio Muíños e Modesto Barreiro, así como contactar aos seus familiares.