Preparando o novo ano.

Certo é que todos temos ausencias sentidas nas que facer rexurdir algunha tensión de nostalxia, onde apostrofar pensamentos que narren a nosa propia identidade, medio rota, nos tempos que nos levan e argumentan testemuños que sobreviven e funcionan como espello da nosa historia. Historia arrancada das súas propias raíces, das nosas raíces. Son como ecos que aínda resoan.

Certo é que todos temos preguntas sen resposta e aquela sensación de que nalgún momento perdemos a parte fundamental do guión, que xa non poderemos recuperalo. Pero é precisamente aí onde nos recoñecemos humanos e imperfectos, vulnerables, con riscos e medos. Tanto individual como colectivamente. Inmersos nun proceso de renovación que nos obriga a non deixarnos vencer, rexurdir de novo das propias cinzas, sen deixarnos caer no desespero nin na frustración, sequera no remordemento. Aprendemos a recoñecernos nesas derrotas cotiás e na obriga de erguer, sen resignación, sempre con forzas para desde o sosego conseguir saír do silencio e formar un corpo de resistencia contra tanta ameaza, dentro e fóra. Os medos son para vencelos. Podemos poñernos en pé e sacudir a roupa, respirar de novo, buscar luz a un ritmo de encontrar camiño e de atoparnos.

“Debemos saír dos medos, vencelos. Familiarizarnos con eles e pasar deles”

Non é un capricho estético, non. É a única forma de darlle relato aos sucesos, de avanzar de novo, de construírnos entre os anacos da desfeita. Sen esquecer, sen esmorecer. Pasando a carón dos precipicios e saíndo dos baleiros, na diáspora dos orfos que fomos salvados e perdidos ao mesmo tempo. Esa é a maxia que nos acontece. Pero a maxia non xorde, hai que buscala e provocala. Tamén coa dor e ao mesmo tempo coa voz ergueita. Debemos fuxir dos medos que paralizan, que confunden, que ameazan e resultan macabros, cheos de odios e morte, de abismos, de ex-patriacións, de coitelos, de sangue, de vampiros e de arañas, de sustos, de ultra-mundos cheos de sombras, de prexuízos, de intrigas, de terrores e de horrores, de ambicións tolas e sufridas, de ameazas e desgrazas, de pesadelos e treboadas. Debemos saír dos medos, vencelos. Familiarizarnos con eles e pasar deles. Conxurarnos para vencelos en calquera cerimonia. Debemos reaccionar no medio da parálise que nos provoca, aínda que só sexa para berrar e convocalo, chamándolle mequetrefe. Rindo diante del e ríndonos de nós, da súa parafernaliña, dos seus lixos residuais, eses que olen a pólvora, a cera, a plástico de montaxe. Ese espectáculo cheo de mentiras e de números, de mortos e argumentos incitadores das masas, onde manipulan e condicionan, onde nos someten.

Os medos son para vencelos, para non deixar que escureza a verdade nin nos fagan desprendernos do sentimento de humanidade, idiotizándonos coa acumulación de vinganzas e de odios, de acoso en todas as súas versións, de acomplexamentos infundados, ridículos en modas, dos vitimismos que -agora- exercen os verdugos. Con toda a cara. Bombardeos baixo fobias e filias. Asustados silencios dos humildes, irresponsabilidades nefastas que todos os días vemos e, aínda así, prevalecen os silencios. Si, silencios consentidos e consentidores de novas vergoñas, de mal-tratos, de inxustizas, de xentes sometidas e escravizadas dun poder nefasto que axita o mundo. De todas formas, e sen medos, que teñamos un vindeiro ano que os bote fóra e queime os ventos negros.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.