Preocupación en Arbo polo trazado da liña de alta tensión

Tras decisión adoptada polo goberno español

Arbo | Dentro da Planificación Eléctrica 2021-2026 aprobada polo Consello de Ministros no mes de marzo, a Interconexión España – Portugal figura recollida dentro das prioridades do Goberno de España e teñen previsión de poñela en servizo antes de 2024, polo que o Partido Popular de Arbo, presentou o 25 de marzo de 2022 unha moción ao pleno para aprobar o rexeitamento a que trazado algún pasase polo municipio de Arbo.

O Pleno de data 28 de marzo de 2022 aprobou a moción presentada polo Partido Popular de Arbo e adoptou, por seis votos a favor, do Sr. Alcalde-Presidente e os dos cinco concelleiros do grupo municipal do PP, e coas catro abstencións dos concelleiros do grupo municipal de AGRELAR, no que se recollían as seguintes propostas: Rexeitar calquera trazado de Interconexión que afecte ao termo municipal de Arbo, preguntarlle ao Goberno de España se admite a posición unilateral de Portugal sobre o proxecto referido á LAT 400kV, en especial no referente ao punto de conexión con Galicia-España, instar ao Goberno de España a que achegue un trazado alternativo que non prexudique aos veciños e veciñas de Arbo e As Neves, instar tanto á Deputación de Pontevedra como á Xunta de Galicia a realizar estas mesmas solicitudes ante o Goberno de España e instar aos partidos políticos galegos con representación, tanto no Congreso como no Senado, a presentar iniciativas para que o Goberno de España teña en conta os dereitos dos veciños e veciñas de Arbo e As Neves.

O Partido Popular na súa moción apela a facer unha fronte común desde Arbo e desde Galicia na defensa dos intereses e dereitos da veciñanza. Precisamos dunha resposta unánime de todos os axentes públicos e sociais de Arbo.

Tendo en conta que a decisión final sobre o proxecto depende do Goberno de España, desde o Concello de Arbo seguiremos insistindo en que se debe escoitar aos veciños e veciñas de Arbo que din non a esta liña de alta tensión – informa o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

O BOE do martes 26 de abril de2022, publicaba a resolución de 8 de abril de 2022, da Dirección General de Calidade y Evaluación ambiental do Goberno de España, pola que se formula declaración de impacto ambiental do proxecto “Interconexión norte con Portugal”.

A vista das últimas novas publicadas no BOE de 26.04.2022, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, mantivo unha reunión a día de hoxe con representantes de ambas as dúas asociacións de afectados para fixar a folla de ruta a seguir, na que se acordou solicitar unha reunión á Subdelegación do Goberno e ao Ministerio de Transición Ecolóxica a que acudirá o alcalde e un representante das asociacións de afectados.

O alcalde, Horacio Gil, mostra un profundo pesar e preocupación e manifesta que seguiremos apoiando aos veciños e veciñas de Arbo e insistindo en que os arbenses non queren que ningún trazado pase polo noso territorio.

Contamos co apoio explícito da Xunta de Galicia, aínda que a decisión é do Goberno de España, tal e como se lle ten traslado ao alcalde, que mantén un contacto permanente coa administración autonómica, así como un espírito colaborativo e de unión tanto co concello das Neves como cos municipios do norte de Portugal que tamén están afectados.