Premios Lois Peña Novo 2025.

Este ano as asociacións integrantes do Colectivo Galeguizar Galicia están a desenvolver moitas iniciativas novidosas para incentivaren o uso da lingua galega en todos os eidos nos que están presentes. Por poñermos un exemplo, a Irmandade Xurídica Galega, que celebrou a semana pasada a súa asemblea anual, conseguíu a materialización dun acordo que fará historia. Por fin, despois de moitas negociacións, a Administración Central e a Xunta de Galicia asinarán un convenio para introducir a lingua galega no programa informático Atenea, respondendo asi á demanda dunha boa parte de funcionarios, xuíces, fiscais e operadores xurídicos.

Asinouse tamén outro convenio que partillan a Irmandade Xurídica Galega, Colexio Notarial de Galicia e Consellería de Cultura. Este acordo fará posible a galeguización dos protocolos notariais por mor da introdución do Formulario Notarial en lingua galega nas aplicacións informáticas. A maiores, o señor decano, Xosé Manuel Graiño, comprometeuse a desenvolver algunhas accións puntuais máis para motivar á cidadanía optar polo uso da lingua galega nos instrumentos xurídicos que lles afecten.

Estas dúas accións removerán os atrancos para que a cooficialidade lingüística sexa real e efectiva. Mais o certo é que, como dixo o Sr. Reitor na súa alocución de peche da Asemblea, “é importante que a cidadanía se implique e demande os dereitos lingüísticos que o ordenamento xurídico ampara. De nada vale que as administracións públicas oferten a posibilidade do uso da lingua galega se a xente permanece inerte, instalada nas sinerxías do monolingüísmo en castelán”. Da actitude da xente depende que o futuro do galego acade espazos de usos máis amplos e decisivos.

“É importante que a cidadanía se implique e demande os dereitos lingüísticos que o ordenamento xurídico ampara”

Con esta reflexión convócanse os XXIX Premio Peña Novo, que serán entregados no Castelo de Soutomaior o próximo día 3 de xullo ás 19:00 horas. Naquel escenario recibirán en acto público o recoñecemento dos Premios Lois Peña Novo. Os galardoados son exemplos que deben ser imitados. Velaí os seus nomes:

Asesoría Xurídica da Deputación de Lugo. Este órgano provincial está encargado da defensa xurídica da propia administración, pero tamén de todos os concellos do seu territorio. O tráfico xurídico que xeran esas sesenta e sete administracións locais é de tal magnitude que ao tramitarense en lingua galega, e solicitar expresamente que xulgados e tribunais de xustiza diten resolucións e sentenzas en lingua galega invocando o artigo 7.2. da Lei de Normalización Lingüística, galeguizarase a Administración de Xustiza con maior ritmo.

Outra premiada será Dona Esther Estévez Casado, xornalista e comunicadora, que vén desenvolvendo o seu labor na área de información da TVG, recoñecendo o seu firme compromiso coa promoción e normalización da lingua galega, destacando como presentadora do espazo “Dígocho eu”, un proxecto innovador de formato breve que combina pedagoxía e creatividade para achegar a lingua galegas novas xeracións.

Outro premiado: Don Miguel Anxo Seixas Seoane, doutor en Historia da Arte Moderna e Contemporánea; un dos máis sobranceiros investigadores da historia de Galicia. O seu traballo académico salienta especialmente polo estudo da figura de Castelao. A súa voluminosa e documentada obra “Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación” é o maior compendio publicado con rigor sobre o egrexio galeguista.

Todos os tres premiados son conscientes das dificultades nas que se atopa a lingua galega. Mais fronte a esa complexa realidadenon permanecen impasibles, fronte ao pesimismo da razón (as estatísticas ofrecen malos resultados) reaxen co optimismo da vontade. Non hai valados infranqueables.

Xosé González Martínez é Presidente da Fundación L. Peña Novo.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.