PP Salceda: “O Concello aparca a construción dun novo pavillón multiusos”

Criticou que o goberno municipal desaproveita o Plan Extra dentro da fase 2 do PERI para realizar esta obra

Salceda de Caselas/PPdeG | O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de lamentar que a necesaria e demandada ampliación e construcción do novo pavillón municipal vaia quedar aparcada por terceiro mandato consecutivo tras desaproveitar o goberno local a 2ª edición do Plan Extra da Deputación de Pontevedra, que pode conceder ata 700.000 euros ao Concello, posto que o executivo de MS desbotou esta actuación e optou por presentar unha urbanización da fase 2 do PERI.

“O pasado mes de abril reclamamos esta mellora e incluso ofrecemos outras alternativas viables desde o punto de vista urbanístico coa construción dun novo polideportivo na zona anexa ao actual, pero pasaron absolutamente malia que é urxente que Salceda conte cun segundo pavillón / multiusos en condicións”, sinalou o voceiro municipal, Santi Davila, que cre que a situación é “dobremente grave” porque non só se deixa no esquecemento esta instalación deportiva multifuncional, senón que a alcaldesa, Dolores Castiñeira, incumpríu a súa palabra aos clubes e usuarios, aos que lle prometeu que o segundo plan extraordinario de investimentos sería para esta infraestrutura.

O concelleiro popular indicou que todo o pobo leva case duas década de gobernos de esquerdas agardando por esta mellora, porque a elección da urbanización do entorno do centro de saúde, orzamentada en 1.040.000 euros a través do Plan Extra da Deputación, “deixa sen opción económicas e de tempo neste mandato” ao Concello para afrontar a necesaria construcción e ampliación do pavillón multifuncional. “Esgotaron a última oportunidade e quedaron sen vías de financiamento, pero é que ademáis tampouco teñen un compromiso real co pavillón nin co deporte máis aló dalgún anuncio preelectoral para tapar as súas vergoñas neste asunto, polo que todo o mundo sabe que se arranxará este grave problema de falta de espazo para os clubes, deportistas e para actuacións musicais (Banda Cultural), eventos varios e servizos de diferente índole, cando haxa un goberno local do PP”, manifestou o edil do PP.

Santi Davila cifrou en preto de 2 millóns de euros as achegas concedidas pola Deputación nestes dous anos cos plans extraordinarios xeral e deportes, “o que daría perfectamente para que Salceda dispoña do pavillón multiusos que merece” e indicou que as dúas obras escollidas, como o saneamento de Entenza ou a urbanización da zona da Devesa / Gándara tiñan un encaixe perfecto para o seu financiamento co Plan +Provincia e co desenvolvemento axeitado das ferramentas urbanísticas, respectivamente. “A obra do PERI podería acometerse practicamente soa nunha vila en crecemento como a nosa se foran quen de actualizar o PXOM tras 18 anos de pasotismo e intentos infructuosos e que non teñamos que seguir funcionando coas normas subsidiras de 1997”, engadíu.

Finalmente, o voceiro popular lamentou os “reiterados prexuízos” causados aos moitos clubes, deportistas e centos de usuarios do pavillón, aos que lles anunciou que non conten con ningún avance antes de 2027 “malia que levan anos demandando, con toda a razón, a ampliación desta instalación”. Así, reiteroulles o apoio do PP e criticou a “falta de palabra” da rexedora “aínda que non lle estrana a ningún salcedense polos seus precedentes”, xa que hai uns meses, para tratar de calmar o seu malestar polo abandono do pavillón, anuncioulles que o seguinte Plan Extra da Deputación sería para este equipamento “e agora a realidade desmonta as súas verbas”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.