PP, ACiP e IP aproban en pleno municipal os Orzamentos 2024 para Ponteareas

O monto ascende a preto de 21 millóns de euros

Ponteareas | A Cámara Municipal ven de aprobar no Pleno desta mañá os orzamentos para o próximo ano 2024. Con 7 votos a favor do Partido Popular, 4 de ACIP e 1 de IP, os presupostos do Concello poderán ser postos en marcha de xeito inmediato ofrecendo ao Concello de Ponteareas un novo enfoque logo da prórroga que o gabinete anterior efectuou no 2023 sobre os presupostos do 2022.

Este orzamento a executar entre xaneiro en decembro de 2024 chega ata os case 21 millóns de euros e cun superávit de 1,5 millóns que será empregado para sanear as débedas contraídas nos últimos anos polo bipartito BNG-PSOE unha situación que segundo o concelleiro de Facenda, Francisco Represas “lastrou a execución das actuacións para garantir a cobertura das necesidades básicas de veciños e veciñas desde xullo e que nos obrigou a traballar con medios mínimos e a contrarreloxo”.

O grupo de goberno centrouse ao longo do Pleno na adecuación das partidas á realidade de gasto de cada unha das áreas municipais e aos ingresos reais, tendo en conta a reclamación daqueles fondos, principalmente europeos que están pendentes de ser aboados nas contas municipais como é o caso de preto de 3 Millóns de euros do IDAE, de quen xa se obtivo o compromiso de desbloqueo desde 2019 ou os fondos da EDUSI dos que aínda non se recibiu ningún ingreso.

Principais investimentos
O gasto público do Concello estará centrado en diversas cuestións, tales como as melloras dos servizos sociais, o desenvolvemento da infraestrutura verde, un novo convenio para o servizo de emerxencias e extinción de incendios, a promoción do patrimonio histórico e o apoio ás actividades deportivas e culturais.

Tamén se apostará polo desenvolvemento de nova infraestrutura mediante a creación do Fondo de Continxencia para RRHH, a Residencia de Artistas e o centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Coworking, así como o reforzo do servizo tecnolóxico cun aumento da inversión do 25%.

A humanización da contorna do Concello, con 900.000 euros, a reforma do centro de maiores, con 600.000 euros, a rehabilitación da Ponte dos Remedios, con 400.000 euros, a mellora do parque empresarial de A Lomba con 220.000 euros e a execución das obras da primeira fase do saneamento de Ribadetea por un importe de 380.000 euros conformarán tamén a parte do investimento público. A isto engádeselle máis de un millón de euros que chegarán da Deputación de Pontevedra a través do programa +Provincia, tamén para a mellora de diversas infraestruturas de servizos municipais.

BNG: “o tripartito de Nava Castro rexeita apoiar aos colectivos sociais”
O Pleno de Ponteareas aprobou este luns, en sesión extraordinaria, os Orzamentos para 2024. Fíxoo unicamente cos votos do goberno, que rexeitou todas as propostas presentadas pola oposición, demostrando, para o BNG, “que non lle interesa o diálogo nin nada que non sexa da súa autoría, aínda que sexa beneficioso para a veciñanza”.

O Bloque lamentou que o goberno de PP, ACIP e IP rexeitase as súas “15 propostas alternativas que buscaban mellorar os servizos municipais e a calidade de vida das veciñas e veciños. Propuñamos continuar avanzando cara unha vila igualitaria e socialmente xusta, pero o goberno de Castro preferiu reforzar o regreso ao pasado manipulando as cifras para disfrazar con propaganda as súas grandes carencias”.

“O tripartito liderado polo PP reafírmase na eliminación e redución de axudas a distintos colectivos que convocaba o anterior goberno. As nosas alternativas centrábanse no ámbito social e nas axudas a colectivos veciñais: aumentar as axudas de emerxencia social, o centro de reparto de alimentos, as subvencións a obras comunitarias e ás traídas de augas veciñais, as axudas a centros culturais e asociacións de interese social, o apoio ao comercio local, a protectora de animais “Os Biosbardos”, os programas de igualdade e mocidade e as actividades educativas e culturais.

“A pesar de pedirllo en numerosas ocasións, nin o concelleiro de Facenda nin a alcaldesa foron capaces de explicar por que se negaban a apoiar os colectivos da localidade”, lamenta o BNG

Tivo especial relevancia o convenio coa asociación “Avelaíña Saúde Mental”. O BNG denunciou que o goberno eliminara este convenio, “a alcaldesa non foi capaz de explicar o motivo na comisión de contas e viuse obrigada a aceptar a proposta da oposición e modificar os orzamentos para o Pleno. En vez de pedir perdón, tiveron a pouca decencia de chegar ao Pleno e vender como propia a proposta”, critica o Bloque.

En canto aos ingresos, o BNG destacou que o Concello vai recibir 3 millóns de euros grazas ás xestións do anterior goberno para realizar o cambio a led da iluminación pública e obras de eficiencia enerxética nas instalacións municipais. “O noso goberno adiantou os cartos, fixo o investimento e agora o diñeiro vai caerlles nas mans ao tripartito”, sinalou o Bloque, apuntando isto como demostración de que “a cantinela da débeda é falsa. Simplemente se vai corrixir o remanente negativo unha vez que as administracións ingresen as subvencións pendentes”.