“Pouco a pouco estamos lavando a imaxe do Juvenil”

Enrique González Pedreira, "Quiño" | Presidente da Sociedade Deportiva Juvenil de Ponteareas

Enrique González Pedreira, “Quiño” asumiu no verán de 2024 a presidencia da Sociedade Deportiva Juvenil de Ponteareas. O club, que transita por unha complicada situación económica e de demandas xudiciais, está actualmente no Grupo 2 da División Preferente de Fútbol Galego.

Despois dun ano como Presidente do club Juvenil de Ponteareas, que balance de xestión pode facer?
Tendo en conta a situación na que collimos o club fai un ano, cando este estaba abocado á desaparición debido a unha situación económica crítica; penso que a xestión está sendo boa a nivel xeral. Estamos no camiño correcto para limpar as supostas débedas que arrastraba o Juvenil cando esta nova Xunta Directiva asumiu o seu mandato. A pesar de ser moi complicado, pouco a pouco e con moito esforzo imos afrontando as consecuencias de asumir a dirección dun club que non tiña futuro.

A nivel deportivo, penso que o ano pasado fíxose unha tempada notable a pesar de que nos descendesen, xa que as condicións para formar a plantilla foron totalmente adversas. Partimos dun plantel, a día 15 de xullo de 2024, sen xogadores nin corpo técnico. Ningún xogador do pobo nin de arredores quería sentarse a falar con nós, a xente falaba “pestes” do club e finalmente moitas das fichaxes foron a última hora, recorrendo a moito xogador de fóra que non coñecía a categoría e dándose así un continuo vaivén de caras no plantel. Toda a mala fama dunha xestión nefasta a fumos pagando durante a tempada, á vez que pouco a pouco íamos lavando a imaxe do Juvenil.

Como está a reclamación xudicial ante Competición e Disciplina?
Actualmente a reclamación atópase no Comité Galego de Xustiza Deportiva tras ser admitida a trámite, polo que estamos a esperas da resolución por parte de dita Institución.

Que expectativas ten o Juvenil de cara a presente tempada 2025/2026?
As expectativas son as mesmas que cando collemos o club fai un ano.
– Recuperar a masa social que sempre tivo o Juvenil e que acabou moi mermada con tan só 12 socios na tempada 2023-2024;
– Sanear o club no que ao ámbito económico se refire;
– Dar unha saída futbolística de bó nivel aos nenos da comarca que queiran seguir xogando ao fútbol;
– Ter dous equipos de maiores cunha gran porcentaxe de xente do pobo.

Cal é o estado financiero do club? Están resoltos os problemas coa anterior Directiva?
O estado financiero do club é crítico, como leva sendo moitos anos. Unha gran cantidade de demandas por parte de xogadores, entrenadores, técnicos e empresas e mesmo un préstamo aínda por rematar de pagar herdado da anterior directiva. Aínda así, grazas a pequenas e grandes empresas do pobo seguimos tentando sobrevivir, ás cales aproveitamos para darlles as.

“O estado financiero do club é crítico, como leva sendo moitos anos”

Facendo referencia á anterior directiva, debido á desatención de reiterados requerimientos que se lle fixeron para obter información relevante para o club en materia económica e financiera, o Juvenil está inmerso en numerosos procesos xudiciais.

Existe apoio das institucions públicas: Concello, Deputación e Xunta?
Por parte da Deputación e da Xunta estamos a recibir o mesmo apoio que estas ofrecen ao resto de clubs: subvencións e axudas xerais. Por parte do Concello o apoio está sendo maior, e a base de reunións e solicitudes pouco a pouco estamos a conseguir tamén melloras no campo, nunha instalación que queremos recordar é municipal e que se atopaba con numerosas deficiencias que estamos procurando mellorar.

“Por parte do Concello o apoio está sendo maior”

Que mensaxe querer transmitir aos socios e aficionados?
A mensaxe é clara. A día de hoxe non podemos garantizar a existencia do club durante as próximas tempadas debido a unha situación económica crítica derivada de varias decisións tomadas pola directiva anterior e sinaladamente polo seu presidente. A pesar disto, a actual Directiva traballa sen descanso nin outro beneficio máis que o común polo Juvenil para conseguir reverter a situación e salvar ao club da desaparición.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.