Portos de Galicia mantén pechado o peirao do ferri A Guarda-Caminha

Dende o pasado 27 de xuño por problemas na plataforma de atraque

A Guarda | O día 23 de xuño o patrón do ferri Santa Rita de Cassia detectou un escoramento anormal na plataforma de atraque do transbordador entre A Guarda e Camiña, feito que se puxo, de forma inmediata, en coñecemento dos responsables de portos de Galicia, na actualidade propietarios e xestores da estrutura.

A partir do día 27 de xuño, portos de Galicia pechou a instalación para facer reparacións de urxencia co obxectivo de recobrar a estabilidade da plataforma. As reparacións remataron, segundo as informacións que ten o concello, o 29 de xuño.

A pesar de que remataron as obras, portos mantén pechado o acceso ao peirao e o ferri segue sen poder funcionar. Dende portos comunicaron ao concello que non se permitiría o uso da plataforma para o transito de ningún tipo de vehículo debido ao estado avanzado de corrosión que, segundo a portos, coloca a estrutura nun nivel de servizo inferior a aquel para o que foi deseñado.

Hai que recordar que o concello da Guarda paga unhas taxas á Xunta, que dependen do número de pasaxeiros e de vehículos que utilicen o transporte, para poder usar a plataforma de atraque. O concello leva pagando estas taxas dende o comezo do funcionamento do ferri en 1995.

En vista da urxencia da situación o concello da Guarda dirixiuse a portos de Galicia solicitando que abra de novo o peirao do ferri e que poida comezar a funcionar o transporte. Hai que ter en conta que é neste mes de agosto cando máis demanda hai deste transporte transfronteirizo entre A Guarda e Camiña.

Así mesmo o concello solicitou a portos de Galicia a que faga as reparacións necesarias na plataforma para que, a maior brevidade posible, poidan embarcar de novo vehículos dado que o transporte de vehículos é a principal demanda a hora de cruzar o esteiro do Miño en ferri.

Estudo para melloras de mobilidade no ferri
A Deputación de Pontevedra vai contratar un estudo para reforzar as conexións transfronteirizas no Miño entre A Guarda e Caminha co obxectivo de poñer enriba da mesa alternativas ao actual transbordador e mellorar a mobilidade entre ambas vilas.

Unha vez no traballo quede evidenciada a proposta máis viable ambiental e economicamente o AECT Rio Minho buscará fondos europeos para o proxecto.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, anunciou este estudo subliñando a importancia “dunha comunicación máis directa que desenvolva e modernice a mobilidade tanto en volume como en frecuencia”. Iso, destacou, faría que as sinerxías entre ambas vilas medrasen, con máis interaccións económicas e una maior integración dos seus núcleos urbanos, aumentando a oferta de servizos de todos tipo, tanto para as e os residentes como para visitantes.

A contratación do estudo xurde despois dunha reunión do deputado coas dúas delegacións municipais dos concellos de A Guarda e Caminha, encabezadas polos seus respectivos máximos responsábeis, o presidente da Cámara Municipal de Caminha, Miguel Alves e o alcalde de A Guarda Antonio Lomba.

Nese encontro analizouse a situació0n de falta de comunicación regular e directa entre ambos concellos, así como a situación do transbordador, que nestes momentos non cubre as expectativas de comunicabilidade entre ambos concellos e cuxo uso, ademais, está mermado pola pandemia.

No estudo técnico incluirase unha descrición da situación actual e dos problemas e limitacións existentes ademais de recoller información por parte das cámaras e actores institucionais e civís implicados; avaliaranse as posibles alternativas de conexión en función da súa previabilidade técnica, económico-financeira, e de custos- beneficios tendo en conta a alta sensibilidade ecolóxica da zona.

Finalmente, presentaranse as conclusións e as recomendacións para a súa execución, tendo en conta que , polo seu carácter transfronteirizo, a procura de financiamento para este proxecto deberá ser liderada polo AECT Rio Minho, entidade de cooperación territorial que engloba o territorio de ambos municipios e da que é socio a Deputación de Pontevedra.

Aposta pola mobilidade na Estratexia 2030
A mellora da mobilidade entre A Guarda e Camiña supón na práctica desenvolver un dos eixos estratéxicos da Estratexia do Río Miño Transfronteirizo 2030, impulsada polo AECT do Río Miño.

Esta iniciativa busca promover fórmulas sustentables de mobilidade local transfronteiriza que crucen o río favorecendo a mobilidade transfronteiriza, reducindo as emisións de CO2 e apostando por ferramentas e fórmulas de mobilidade local que permitan superar aínda máis os efectos da fronteira con nula ou pouca incidencia no patrimonio natural existente.

As vilas fronteirizas de A Guarda e Caminha teñen unha longa historia de relación dende hai séculos. Segundo o estudo de diagnóstico da Estratexia 2030 do Río Minho Transfronteirizo, o 10% do total de desprazamentos fai unha década facíase usando o transbordador ente Caminha e A Guarda.

Actualmente este volume veuse reducido polas dificultades do transbordador xunto coa paralización producidas pola pandemia COVID 19, “polo que faise mais necesario aínda, apostar pola conexión entre A Guarda e Caminha para superar a situación de impase producida pola pandemia”, subliña Benítez.

A situación actual de fluxo de visitantes dende o sur, a pé e en bicicleta, que se incrementa coa maior utilización nos últimos anos da rota da costa do Camiño de Santiago por parte de persoas camiñantes e peregrinas, engade ademais un elemento de maior necesidade á realización dun estudo.