Por un Día das Letras para Carvalho Calero.

Como seguramente sabedes, Ricardo Carvalho Calero foi un filólogo e escritor galego nacido en Ferrol en 1910 e finado en Compostela en 1990. Foi un galeguista membro do Seminario de Estudos Galegos.

Da súa poesía destaca Vieiros (1931), O silencio ajoellado (1934) e Anxo de terra (1950). Inagurou tamén a novela galega de posguerra con A xente da barreira (1950, Premio Bibliófilos Gallegos).

En teatro escribiu A árvore (1948) e Auto do prisioneiro (1969). Tamén publicou como investigador unha gramática do galego, a Historia da literatura galega contemporánea (1975), Estudos rosalianos (1979),…
Foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas e é considerado o ideólogo do reintegracionismo. Pero imos detallar un pouco máis os seus méritos para que se lle adique o Día das Letras Galegas. Licenciouse en Compostela en Dereito e despois en Filosofía e Letras.

“Foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas e é considerado o ideólogo do reintegracionismo”

Entrou en contacto co galeguismo, integrándose no movemento nacionalista como dirixente do activismo estudantil. Participa na fundación do Partido Galeguista en 1931 e na redacción do Anteproxecto de Estatuto de Autonomia de Galicia do Seminario de Estudos Galegos, dese mesmo ano, que no seu art. 1º, definía a Galiza como “Estado libre dentro da República Federal Española”. Colaborou en publicacións como A Nosa Terra, Nós, Galiza, etc. En 1933 volta a Ferrol, gaña a praza de auxiliar administrativo do Concello e casa con María Ignacia Ramos.

A sublevación militar sorprendeuno en Madrid, cando se presentaba á oposición para profesor de instituto de Lingua e Literatura Española. Colocouse do bando republicano e enrolouse como miliciano, co grao de tenente, nun batallón da UGT, o sindicato no que militaba; participando na defensa de Madrid. Cae prisioneiro na fronte de Andalucía e é condenado a 12 anos de cárcere por separatista, sendo encarcerado en Xaén. Período que aproveitou para estudar alemán.

En 1941 saiu en liberdade provisional, regresando a Galiza.. Imposibilitado para exercer a docencia, exerceu como “conselleiro delegado” entre 1950 e 1965 no Colexio privado Fingoi de Lugo. Retomou os contactos cos galeguistas do interior, especialmente con Francisco Fernández del Riego. A súa tese de doutoramento “Aportaciones a la literatura gallega contemporánea” acadou en 1955 o premio extraordinario. En 1958 entra na RAG. E a partir de 1965 autorizóuselle a exercer o ensino público no Instituto Rosalía de Castro de Compostela. En 1972 obtivo por oposición a cátedra de Lingüística e Literatura Galega, de recente creación. A pesar da forte oposición que atopou defendeu a tese reintegracionista e foi marxinado por isto.

Foi tamén editor e mantivo a actividade cultural despois de xubilarse en 1980. En 1981 foi nomeado Membro de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega, en 1984 recibiu a Medalla Castelao e en 1987 gañou o Premio da Crítica pola súa novela Scórpio. Son moitas as persoas que reivindican a súa figura e piden que se lle adique o Día das Letras Galegas.

Hoxe en día cada vez está máis aceptado que, por unha cuestión de supervivencia, o galego debe aproximarse ao portugués e nós abrírmonos á lusofonía, nun proceso de mútuo enriquecemento. E remato cun verso del do poema “Maria Siléncio”: A tua angúria fala con olladas.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.