Pontevedra acolle o seminario #PoliÁgora para a defensa dos viandantes en espazos públicos

Participaron intendentes e xefes de policía de 17 Concellos pontevedreses

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra deu hoxe un novo paso para potenciar o modelo de cidades no que as persoas e non os coches son os protagonistas. E fíxoo co seminario #PoliÁgora, unha iniciativa formativa que puxo en relevo a importancia das e dos axentes municipais como garantes da nova dimensión que debe ter o espazo público “como espazo de estancia e non só de circulación” dos vehículos a motor.

Na xornada participaron como relatoras a directora provincial da Dirección Xeral de Tráfico Paula Yubero, o director xeral de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra Daniel Macenlle (que tamén substituíu por baixa médica ao inspector xefe da Policía Local de Pontevedra José Manuel Duarte Solla), o oficial xefe da Policía Local de Ponteareas Benigno Moldes Álvarez e o policía local e voceiro da Policía Local de Pontevedra Manuel Omil.

Na súa exposición tanto a presidenta Carmela Silva como o deputado de Mobilidade Uxío Benítez subliñaron que as Policías Locais “son fundamentais” para a construción do novo espazo público no que as persoas son o centro e os vehículos son un instrumento a utilizar só cando é necesario. “Vós tedes un papel fundamental para ordenar e facer pedagoxía entre a cidadanía. Sodes servidoras e servidores público imprescindibles para ordenar o espazo público no que habitamos. Tedes que ser parte da construción no novo relato sobre as cidades e vilas”, destacou Silva.

O deputado nacionalista explicou, pola súa parte, que #PoliÁgora organizouse pola importancia da formación sobre o espazo público nos corpos municipais de Policía, xa que deben executar os modelos de cidade polos que apostan as e os gobernantes. Destacou que a visión das e dos axentes é fundamental posto que coñecen as problemáticas do día a día, que deben manexar e solucionar “cos conceptos claros” sobre como potenciar o espazo público. Subliñou que o seminario naceu con vocación de continuidade.

Pola súa banda, Daniel Macenlle salientou a importancia de #PoliÁgora por amosar ás Policías Locais, tradicionalmente destinadas a regular o tráfico para evitar atascos e facer máis fluída a circulación rodada, que o espazo público ten “outra dimensión”. “Temos que esquecer esa cidade para ese usuario tipo que é varón de mediana idade e que conduce, na que todas as demais persoas están fóra.

Hoxe as cidades comezan a ser outra cousa, son espazos públicos para todas, non só para circular, para moverse en xeral e sobre todo para estar. Son elementos cohesionadores, deben ser elementos democráticos e igualitarios e esa nova dimensión do espazo público é a que se pretende transmitir para que se vexa que hai vida máis alá do vehículo privado. As cidades teñen que ser outra cousa. Xogámonos moito en termos de sinistralidade, de convivencia, de cohesión e cambio climático”, salientou.

Finalmente, a directora provincial da DXT, Paula Yubero, fixo fincapé tamén na clausura que o modelo de mobilidade cambiou e iso ten propiciado un cambio de paradigma no que o vehículo a motor non é o centro, senón as persoas, tendencia que queda plasmada na Estratexia de Seguranza Viaria 2021-2030 do organismo estatal.

Yubero, coincidindo no plantexamento de vilas e cidades da Deputación e a Rede Ágora, salientou tamén que a modificación lexislativa sobre a velocidade máxima en ámbitos urbanos a 30 km é unha medida que require “unha transformación física e cultural do modelo de cidade”. Sinalou que co fin de acompañar aos concellos a DXT vén de publicar unha ‘Guía Cidades 30, rúas seguras’, así como unhas ‘Recomendacións sobre Mobilidade Urbana e Sustentable’ nas que hai suxestións sobre medidas de deseño, regulación e ordenación de tráfico.

Entre as e os asistentes estiveron os intendentes xefe, axentes e auxiliares de diferentes concellos da provincia que amosaron a súa sintonía “coa filosofía das cidades do futuro” e a súa preocupación por ter ferramentas coas que aplicar o modelo, ademais de interactuar sobre as mellores solucións. Estiveron presentes persoal das policías locais de Pontevedra; Vilagarcía, Meaño e O Grove do Salnés; Bueu, Moaña, Marín e Vilaboa no Morrazo; Lalín no Deza; Baiona no Val Miñor; Ponteareas, Mondariz, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Salceda no Condado-Paradanta e Baixo Miño; e Mos, no Louriña.

O modelo de cidade, chave na redución da sinistralidade
Unha das cuestións que quedou clara na xornada de hoxe de #PoliÁgora é a aposta dos concellos da provincia polo modelo de prioridade invertida, na que as e os peóns son a cima da pirámide.

O director de Protección Cidadá da capital Daniel Macenlle explicou que o espazo público foi concibido ata non fai moito tempo como un espazo para os coches onde as rúas eran case sinónimos de estradas, unha tendencia que está a cambiar totalmente, e que incide na siniestralidade.

Macenlle subliñou que cando se analizan as causas da sinistralidade viaria sempre se achaca ao factor último que é o error humano. Recoñeceu que sempre haberá un despiste, algo que impide cumprir absolutamente coa norma, pero salientou que boa parte das causas da sinistralidade están no espazo público, no deseño das vías e as rúas.

Neste sentido, defendeu que cando as rúas se deseñan pensándoas para todas as persoas e se actúa sobre os tres elementos básicos que deben configurar a recuperación do espazo público, que é sacar espazo para coches, limitar tráfico que entra ao estritamente necesario, e calmar tráfico, “resulta que a sinistralidade viaria baixa de maneira clara”.

“Esa é a constatación máis evidente de que actuando sobre o espazo público, calmando o tráfico e dándolle a importancia que hai que dar ás persoas máis débiles se pode arranxar o problema parcial ou totalmente”, insistiu.

Pola súa banda o intendente de Ponteareas, Benigno Moldes, explicou os diferentes tipos de fluxos de tráficos, de necesidade e de comodidade, poñendo como exemplo as medidas implantadas en Ponteareas para que o modelo sexa eficiente e a ocupación do espazo público polos vehículos sexa a menor posible. Entre outras falou da restrición de tráfico en zonas converténdoas en áreas de preferencia peonil, a supresión de aparcamentos e a creación doutros para evitar a busca por parte das persoas condutoras, a rotación do estacionamento en zonas específicas para que a xente que chegue doutras localidades faga xestións e poida marchar.

Moldes Álvarez destacou o cambio de mentalidade que se ten rexistrado nas persoas condutoras ao circular por Ponteareas. “Inicialmente non se entende o cambio. Entenden que os coches deben pasar por todos lados, pero unha vez que se implanta o modelo cos costumes e dándolles facilidades con estacionamentos a dous minutos, hai tranquilidade para moverse nas zonas peonís, chégase a entendelo e están agradecidas do cambio”, subliñou, destacando que os problemas de tráfico, infraccións por estacionamentos indebidos, dobres filas, sinistralidade redúcense, así como tamén o traballo policial.