Ponteareas | As delegacións alfombreiras de Corpus Christi xa están en Ponteareas e con elas comeza a conta atrás. Ponteareas xa está preparada para recibir a milleiros de visitantes que encherán as rúas e prazas dende o sábado 21 pola tarde ao domingo 22 ao mediodía.
Nos vinteseis tramos alfombreiros atoparemos como novidade unha alfombra deseñada polo artista, escritor e poeta Alfonso Pexegueiro. O alumnado do programa de emprego “Compromiso Xuvenil” será o encargado de executar este deseño. Un plus interxeracional para o mestre das letras e do deseño.
Outra das novidades que incorpora este Corpus 2025 ten que ver coa difusión. O Concello incorpora novas plataformas para chegar a un maior número de público. O Concello instalou 9 cámaras para imaxes nocturnas que retransmitirán en directo a confección das alfombras de flores a través de streaming dende as 21:30 horas do sábado ás 09:00 foras do domingo. Dende calquera lugar do mundo poderán seguirse minuto a minuto a confección dos tapices de flores de Ponteareas. Este seguemento tamén se poderá facer dende a pantalla xigante de catro metros por dous metros que se colocará na Praza Bugallal nun dos laterais da igrexa. A misa solemne do domingo ás 11:30 horas tamén se poderá seguir por streaming dende a praza Maior na que se colocou un palco con asentos para aquelas persoas que queiran seguir a misa dende o exterior. A procesión tamén será retransmitida por streaming a través da canle de YouTube do Concello e ao igual que o resto das celebracións, tamén dende a pantalla xigante da praza Maior.
As e os alfombreiros comezarán a plasmar o deseño nas rúas e prazas a partir das 18:00 horas do sábado para seguir traballando ata a madrugada. Ás 21:00 horas do sábado haberá recepción de autoridades na Casa do Concello para recorrer logo os tramos alfombreiros, “un percorrido para a posta en valor de cada un dos tramos e do traballo das mans do Corpus”, explica a alcaldesa Nava Castro. Nesa comitiva participará o embaixador de Malta, o director xeral de Turismo, alcaldes e alcaldesas dos concellos veciños, a Corporación de Pontereas, unha representación da The Worshipful Company of Gardeners de Reino Unido, o nariz de ouro David Gigirey, o premiado e experto en arte floral Caros Curbelo e a presidenta da Sociedad Española da Camelia, Carmen Salinero, entre outras persoas participantes.
As rúas e prazas estarán animadas ao longo de toda a noite con Mistura Vocal e Senfol Gaitas. O domingo a Santa Misa Solemne será ás 11:30 horas; a procesión ás 12:30 horas acompañada da Banda de Cornetas y Tambores de Coronación de Espinas de Córdoba. Ás 19:00 horas será o desfile de carrozas con acompañamento musical. Ás 22:00 horas actuación musical Orixe na Praza Bugallal. Ás 23:30 horas a actuación do grupo musical América na praza Maior e o lanzamento de fotos artificiais ás 00:00 horas.
O luns 23, festivo local, ás 12:00 horas actividade infantil nos xardíns da Xiralda, no Concello. Ás 17:00 horas inchables gratuítos para nenas e nenos e ás 18:00 horas Santa Misa polos alfombreiros falecidos e ofrenda floral in memoriam. Ás 20:30 horas acto de entrega de medallas de Corpus Christi no auditorio municipal Reveriano Soutullo. Ás 22:00 horas da orquestra Tango na praza Bugallal e ás 23:30 horas orquestra Miramar na praza Maior.
O II Tritea camiponato de triatlón galego para menores será o sábado 21 na Freixa e do 28 de xuño ao 5 de xullo o torneo de tenis Vila do Corpus que este ano agarda superar os douscentos inscritos. Cada noite a partir das 22:00 horas poderemos desfrutar do videomapping.
O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, agarda que a cidadanía desfrute da programación de Corpus deseñada para todos os públicos.
ADAPTA e Avelaíña decoran o “Corpus inclusivo”
Un Corpus de todas e de todos é posible e así o demostran as asociacións ADAPTA e Avelaíña que en colaboración co Concello de Ponteareas inauguraron a decoración colgante “Corpus Inclusivo” na costa de San Gregorio. Unha choiva de creatividade que toda a cidadanía e veciñas e veciños poden contemplar nestes días.
Máis de quince adornos florais confeccionados de xeito artesá polas persoas usuarias de ADAPTA e Avelaíña que este ano renden homenaxe ao ciclismo. Flores ensartadas en rodas de bicicleta ofrecen un espectáculo ao aire libre mostra de creatividade e de arte, a mesma que portan as e os alfombreiros de Ponteareas.
“Cada peza que vemos aquí representa moito máis que un obxecto decorativo. Representa unha historia, unha emoción, unha capacidade. Representa a forza de superar barreiras e o dereito que todas as persoas teñen a expresarse, a participar e a ser recoñecidas polo seu valor”, sinalou a alcaldesa quen adiantou o seu compromiso para seguir impulsando “espazos como este, onde a inclusión non sexa só unha palabra, senón unha realidade tanxible. Espazos onde as diferenzas se celebren e se convertan en riqueza para toda a comunidade”.
Na confluencia entre a praza Maior coa baixada de San Gregorio a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, abriron esta mostra acompañados da directora territorial de Política Social da Xunta de Galicia en Vigo, Ángeles Rouco; do xerente de AVELAÍÑA, Rafael Álvarez, de Ángel Holguera, presidente de COGAMI en Pontevedra; de Montse Cuevas, presidenta de ADAPTA, de membros de DISCAMINO, tamén da Federación Galega de Ciclismo e do Club Ciclista Ponteareas escola Borja Gómez e do pregoeiro do Corpus 2025 Borja Gómez Méndez.
“Dende a xunta directiva de Adapta, sentimonos orgullosos e agradecidos de poder participar activamente nunha celebración tan importante e con tanto significado como é Corpus para Ponteareas, e ainda que estar aquí é un paso importante, non debemos esquecer que a inclusión ten que ser todos os días do ano e en todos os ámbitos”, explicou Montserrat Cuevas, ademais de agradecer ao Concello como a asociación de alfombreiros a oportunidade de formar parte desta tradición, “pero o mesmo tempo animamos a seguir traballando para conseguir a inclusión real do colectivo das persoas con discapacidade en todos os ámbitos. Esta inclusión podese acadar traballando conxuntamente entidades e administracións, o mesmos traballo en equipo, que se leva a cabo estos días en Ponteareas para poder amosar o mundo enteiro a arte efémera das alfombras”.
Rafael Álvarez, xerente de Avelaíña, expresou o seu agradecemento porque “hoxe toda a cidadanía pode ver o traballo realizado durante meses e aprecialo e nos parece un punto moi importante na inclusión da saúde mental e estamos convencidos da importancia de implicarse todos, Concello, comercio, empresas asociacións para acadar unha sociedade moito máis inclusiva”.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Alfombristas Corpus Christi de Ponteareas, Miguel A. Garcías, manifestaba que “cada ano expómonos novos retos e accións para conseguir a total participación e integración daqueles colectivos que se atopan en situación de vulnerabilidade social e cuxo obxectivo é a inclusión social, a promoción da igualdade de oportunidades e a mellora da calidade de vida”.
Os adornos colgantes foron realizados con materiais reciclados aportados por tendas de ciclismo locais e elaborados nas sedes das dúas asociacións co apoio do Concello que colaborou no transporte e colocación dos adornos.