Ponteareas vivirá un Entroido 2026 de cor, retranca e música

Con 14 comparsas e máis de 1.000 participantes nun desfile que percorrerá novas rúas

Ponteareas | O Entroido 2026 converterá as rúas da vila nun gran escenario de cor, música e retranca coa participación de 14 comparsas formadas por máis de 1.000 persoas, nun desfile que dará comezo ás 21:00 horas e que percorrerá os principais puntos do casco urbano incorporando novas rúas.

Percorrido do desfile
O desfile sairá da rúa Feliciano Barrera, continuará pola rúa Carballos ata a Avenida de Galicia, subirá pola rúa Vidales Tomé, atravesará a Praza de Bugallal, xirará pola rúa Esperanza e rematará na Praza Maior.

Na Praza Maior, cinco das comparsas participantes lerán as súas tradicionais coplas, facendo un repaso en clave de humor á actualidade. Ademais, haberá chocolate de balde para integrantes e público asistente, e como broche final da festa contará coa actuación da Orquesta Miramar, que porá música e baile ao remate da xornada.

Entre as temáticas deste ano destacan propostas como “Pasatempo, o tempo cobra vida”, “Guláns en festas”, “O ciclo da vida”, “O virus do Entroido”, “China eterna: presente, pasado e futuro”, “Circo dos Feiticeiros” ou “Entre a lúa e o lume”, entre outras.

As coplas que se interpretarán ao finalizar o desfile inclúen títulos como “Mamá e papá”, “O ciclo da vida”, “Ta To Bien”, “Ponteareas é unha fantasía” e “Queimada”, mantendo viva unha das tradicións máis características do noso Entroido.

Desfile do martes
O martes celebrarse unha nova xornada festiva coa participación de 10 comparsas, que desfilarán a partir das 19:00 horas co mesmo percorrido que o sábado. Ao finalizar realizarase a entrega de mencións ás comparsas participantes.

Manter vivas as tradicións
O tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez Carrera, destacou que “o Entroido é unha das expresións culturais máis importantes do noso pobo. Conservar as tradicións é conservar a nosa identidade, o noso xeito de entender a vida e de transmitir valores ás novas xeracións”.

Engadiu que manter vivo o Entroido significa preservar a identidade cultural propia, f.omentar a participación veciñal e o traballo colectivo así como transmitir ás xeracións máis novas o valor das coplas, da retranca e da creatividade popular e i.mpulsar a convivencia e fortalecer o sentimento de comunidade. Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro subliñou que “cada comparsa é o reflexo do esforzo e da ilusión de centos de familias que traballan durante meses para que o noso Entroido siga medrando ano tras ano”.

A rexedora convidou a toda a veciñanza e visitantes a asistir ao desfile: “Animamos a todos e todas a saír á rúa, a participar e a compartir esta festa que é patrimonio de todos. O Entroido é cultura, é tradición e é futuro”. O Concello fai un chamamento á participación para vivir unha noite única na que música, humor e tradición volverán ser os grandes protagonistas.

Comparsas participantes
Participan neste desfile as seguintes agrupacións:
ASOCIACIÓN RECREATIVA E CULTURAL BARCA DE LOIMIL (Arbo)
ASOCIACIÓN DO CENTRO RECREATIVO E CULTURAL DE TORROSO (Mos)
ASOCIACIÓN CULTURAL CARNAVAL CERNADELA (Mondariz)
COMPARSA DE GULÁNS
ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE SAN VICENTE E CANEDO
ASOCIACIÓN CENTRO CULTURAL RECREATIVO PARADA DO MIÑOR (Gondomar)
ASOCIACIÓN CARNAVALERA OS CAMPECHANOS (San Mateo)
ASOCIACIÓN COMPARSA MEIGALLO
COMPARSA FANTASÍA
ASOCIACIÓN CULTURAL CARNAVALEROS
ASOCIACIÓN POLÍTICOS INCORRECTOS (Gondomar)
ASOCIACIÓN CULTURAL COMPARSA OS FEITICEIROS (Mos)
ASOCIACIÓN CULTURAL OS BRINCADEIROS
ASOCIACIÓN CULTURAL COMPARSA LUCES (Tomiño)

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.