Ponteareas urbanizará a T-02 Eroski en Angoares

A medida provocou fortes reaccións por parte do BNG e PSdeG-PSOE

Ponteareas | O Concello de Ponteareas informa que comezaron as obras de urbanización do sector T-02 Eroski, situado na contorna da estrada PO-403 e da glorieta de acceso, un paso decisivo para a transformación urbanística desta zona estratéxica do municipio.

As actuacións, cun prazo de execución de 12 meses, contan cun investimento de 1.134.282,97 euros, asumido integramente por Eroski , e permitirán transformar o actual solo urbanizable en solo urbano consolidado, posibilitando así a ampliación da actividade comercial existente.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, destacou que “esta actuación supón un avance moi importante para a ordenación urbanística de Ponteareas, xa que permite completar a trama urbana nunha contorna clave, mellorando as infraestruturas, os accesos e a integración paisaxística da zona”.

A edil explicou que as obras permitirán gañar arredor de 10.000 metros cadrados de espazos libres, equipamento e rede viaria, ademais da obtención dunha parcela dotacional pública de 900 metros cadrados e de novas zonas verdes de 3.241 m2 para desfrute da veciñanza, en liña coa estratexia municipal Infraestrutura Verde. Ademais permitirá crear un espazo para dar servizo ás autocaravanas.

Entre as actuacións previstas figura tamén a construción dunha nova rotonda de acceso ao hipermercado, reforzando os sistemas xerais viarios e ordenando os fluxos. “Falamos dunha intervención que non só dá resposta ás necesidades actuais de mobilidade e servizos, senón que planifica o crecemento futuro da vila cunha visión moderna, eficiente e sostible”, engadiu Silvia Fernández Táboas.

O proxecto contempla a creación de novos aparcadoiros públicos, a ampliación da rede viaria e a urbanización do espazo para zonas verdes e espazos libres complementarios, garantindo unha rede común e coherente de infraestruturas, sen afeccións desfavorables á rede urbana existente.

A ordenación deseñada establece unha sección de rúa ampla, aberta e funcional, coidando especialmente as solucións de urbanización, o tratamento dos bordo, o aumento do arborado no centro urbano e a integración no entorno paisaxístico. Así mesmo, inclúense condicións específicas para garantir as mínimas emisións contaminantes e un tratamento estético axeitado dos usos comerciais e compatibles.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, valorou esta actuación como parte da estratexia de goberno de mellora continua e modernización do municipio. “Seguimos avanzando nun modelo de vila moderna, ordenada e preparada para o futuro. Esta obra é un exemplo da nosa estratexia de mellora continua das infraestruturas, dos espazos públicos e dos servizos, sempre pensando na calidade de vida da veciñanza e no desenvolvemento sostible de Ponteareas”, afirmou a rexedora.

BNG: “O PXOM evitou a demolición do Eroski tras a licenza ilegal de Nava Castro”
Ante o anuncio do goberno de Ponteareas de inicio do desenvolvemento urbanístico do sector do Eroski, o BNG destaca que a solución á situación urbanística do hipermercado foi posible grazas á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no 2021, impulsado polo goberno do BNG.

“A orixe da problemática remóntase a 2002, cando o goberno local encabezado por Nava Castro, con Juan Carlos González Carrera como concelleiro, concedeu a licenza para a construción do establecemento. Esta autorización foi anulada pola Xunta de Galiza e, en 2008, a Xustiza declarou ilegal a licenza”, lembra o Bloque.

A situación agravouse en 2012, cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ordenou a demolición do hipermercado, e en 2019, cando obrigou ao Concello a iniciar os trámites para executar ese derrubo. Foi no ano 2021, co BNG na alcaldía, cando a aprobación definitiva do PXOM permitiu atopar unha saída legal e viable, evitando a demolición, evitando ter que facer fronte a indemnizacións millonarias e establecendo a obriga ao hipermercado de urbanizar a contorna para regularizar a actividade comercial.

Agora, co inicio dos traballos de desenvolvemento urbanístico por parte de Eroski, o BNG considera “un exercicio indecente de cinismo político” que quen xerou este problema durante máis de vinte anos pretenda facer propaganda atribuíndose méritos alleos.

O Bloque sinala tamén ao tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, quen “ademais de ser corresponsable do caos urbanístico que provocou esta situación, tentou boicotear a solución impulsada polo BNG levando o PXOM aos tribunais xunto a intereses particulares”. “Pretendeu frear o Plan para seguir prexudicando o interese xeral e protexer os beneficios duns poucos. A realidade é que a Xustiza desautorizouno, rexeitou os seus recursos e avalou o Plan Urbanístico aprobado polo BNG”, subliñan.

PSdeG-PSOE: “cinismo político de Nava Castro”
A voceira do grupo municipal do PSdeG-PSOE en Ponteareas, Vanesa Fernández, cualificou hoxe de “exercicio de cinismo político sen precedentes” a actitude da actual alcaldesa, a Sra. Nava Castro, en relación ao desenvolvemento urbanístico da contorna do Eroski.

Tras anos de litixios xudiciais e unha orde firme de derrubo ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os socialistas queren refrescar a memoria histórica do municipio. “A señora Nava Castro pretende hoxe vender como un éxito propio a solución a un problema que ela mesma creou hai máis de 20 anos. Non podemos esquecer que o TSXG ordenou o derrubo deste centro comercial porque a licenza outorgada baixo o mandato de Nava Castro e Juan Carlos González era ilegal”, afirma Fernández.

As sentenzas xudiciais foron claras ao sinalar que a licenza concedida hai 15 anos pola daquela alcaldesa non se axustaba á legalidade. Durante décadas, Ponteareas viviu coa ameaza dunha execución forzosa que tería suposto o derrubo do edificio e o pago de indemnizacións millonarias por parte do Concello, o que tería levado á administración local á quebra técnica. “A señora Castro ponse hoxe a medalla do desenvolvemento urbanístico da zona, pero oculta que se o edificio segue en pé non é polo seu traballo, senón pola responsabilidade e o rigor dos socialistas no anterior goberno”, subliña a voceira socialista.

Coincidindo coa posición do BNG, o PSdeG lembra que foi a aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), impulsado e sacado adiante polo socialistas, o que permitiu legalizar a situación urbanística da parcela e dar seguridade xurídica a toda a zona. “Foi o goberno do PSdeG o que limpou as manchas urbanísticas do pasado do PP. Grazas a ese Plan Xeral, hoxe podemos falar de desenvolvemento en lugar de falar de demolicións e débedas impagables”, sinala Vanesa Fernández.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.