Ponteareas | O Concello de Ponteareas entrega este 10 de outubro os diplomas ás doce mozas e mozos participantes no Xuventude Mentoring na Empresa, e farao co apoio da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses. Por segundo ano consecutivo o Concello de Ponteareas se converte no único concello galego en participar neste programa. Unha iniciativa que está a ofrecer á mocidade novas oportunidades para mellorar a súa empregabilidade e achegarse ao mercado laboral, segundo salienta a concelleira de Emprego, Silvia Fdez. Táboas.
Grazas a este programa, novos beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil realizaron estadías formativas en destacadas empresas do municipio e a súa contorna: Solarz, Don Disfrace, FCC Medio, Centro de Negocios Asergalicia, Panelship, Uniformes Elena Pérez, Fashion Forever, Silvareira Servizos Forestais e o propio Concello de Ponteareas. “Agradecemos fondamente a participación destas empresas porque sen eles non sería posible e estamos convencidos que un traballo en rede é posible e capaz de cumprir obxectivos”.
Durante a súa participación, as e os mozos puideron reforzar as súas competencias profesionais, desenvolver habilidades chave e coñecer de primeira man a realidade empresarial, o que lles abre novas perspectivas de futuro. Ao mesmo tempo, as empresas colaboradoras tiveron a oportunidade de detectar talento emerxente e valorar posibles incorporacións aos seus equipos.
O programa, cofinanciado con Fondos Europeos e co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está a contribuír de maneira decisiva a crear sinerxias entre o tecido empresarial e a mocidade, favorecendo a retención de talento en Ponteareas e a xeración de novas oportunidades de emprego. Con este balance tan positivo, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso de seguir apostando por políticas activas de emprego que dean resposta ás necesidades da mocidade e do tecido empresarial local.