Ponteareas une a súa voz contra a violencia de xénero

A Corporación municipal leu un manifesto conxunto

Ponteareas | O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, é unha data de reivindicación, de unión para amosar a máis firme das repulsas contra unha realidade que deixa máis de 1.160 mulleres asasinadas pola súa parella ou ex parella dende que hai rexistro no ano 2003.

Por este motivo, membros da Corporación municipal leron este venres un manifesto conxunto no que puxeron de manifesto a necesidade de “intensificar esforzos para combater o machismo e condenar todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten e reproducen as violencias machistas”.

Unha violencia que “segue forte na nosa sociedade” e que se reflicte nas 1.813 denuncias por violencia machista rexistradas nos xulgados galegos durante o segundo trimestre de 2022, como recolle o Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial.

“Nun contexto onde, ademais, medran os discursos misóxinos que cuestionan a desigualdade e a violencia machista é necesario que as administracións revalidemos o noso compromiso co impulso e o apoio económico das medidas en materia de fomento da igualdade e loita contra estas violencias”, expuxeron as e os participantes durante a concentración celebrada diante do Concello.

No manifesto tamén se quixo recoñecer “a quen cada día dedica a súa vontade, compromiso, profesionalidade e acción nesta loita pola liberdade e seguridade para todas as mulleres en cada recuncho do noso país”.

Ante esta realidade, como recolle o manifesto, a Corporación municipal ratifica o seu compromiso co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a seguir traballando “na ruptura do silencio, a sensibilización e a concienciación á cidadanía do problema estrutural da sociedade que supón a violencia machista”. Ademais, insta a mellorar a coordinación continua entre os axentes sociais implicados e demandan a dotación de todos os recursos necesarios e “dar pulo “ao debate social para que o público deixe de ser privado”, xa que “os Concellos somos na maioría das veces o primeiro recurso e, en ocasións, o único do que dispoñen as mulleres en busca de reparo e denuncia da violencia que sofren”.