Ponteareas transformará a rúa Trobador nun espazo público de calidade

Asinado convenio entre o Concello e a Deputación de Pontevedra

Ponteareas | A transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade para as persoas está máis preto de converterse en realidade. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron este xoves o convenio do ReacPon, que permitirá crear o primeiro camiño escolar seguro da vila ata o CEIP Ramiro Sabell e triplicar o espazo para a veciñanza apostando pola mobilidade segura e sostíbel.

As obras suporán un investimento de case un millón de euros, dos que 722.000€ serán achegados a través do ReacPon e outros 240.000€ a través do Plan Concellos.

“Este proxectos fainos moita ilusión porque levamos moitos anos traballando nel e dentro de pouco será unha realidade. Con el máis de 1500 rapazas e rapaces exercerán o seu dereito a moverse con liberdade e autonomía e xeraremos un hábitat saudábel, inclusivo, amábel e seguro”, salientou a rexedora.

Pola súa banda, a presidenta Carmela Silva destacou o proxecto de Ponteareas, unha iniciativa “fermosa” que “aumenta a seguridade para todos os nenos e nenas, fomentando a autonomía infantil e facilitándolles ter experiencias e aprendizaxes propias”.

O Concello de Ponteareas xa sacou a licitación a execución das obras, que abranguerán arredor de 1.100 metros e atinxirán á estrada que conecta o centro urbano con parroquias como Fontenla, Arcos, Santiago de Oliveira, Celeiros e Guillade.

Tamén se intervirá no tramo da rúa Nardos entre Xoán Trobador e o Paseo Matutino, así como nesta última rúa entre a saúda de Nardos e a entrada a Feliciano Barrera, onde se atopan os institutos Val do Tea e Pedra de Auga. As persoas e empresas interesadas terán ata o vindeiro 24 de febreiro ás 14.00 horas para presentar as súas ofertas dixitalmente a través da plataforma de Contratación do Sector Público.

As actuacións suporán a recuperación para as persoas do tramo situado entre a Avenida de Galicia e a rúa Camelias, un treito de 200 metros que a través de beirarrúas moi estreitas conecta a Casa do Concello co Parque Ferro Ucha.

Neste tramo a rúa pasará a ser plataforma única para o paseo e a estancia, con abundante arborado e mobiliario urbano, e a circulación de vehículos a motor reducirase a residentes, garaxes e servizos. O resto do percorrido dende o parque Ferro Ucha até o CEIP Ramiro Sabell suporá un novo reparto do espazo público.

A actuación completarase co acondicionamento dun tramo da rúa Nardos, a carón do parque Ferro Ucha, unindo a estrada de Guillade co Paseo Matutino. Esta rúa unirase ao parque coa eliminación do actual peche e terá carácter peonil con tráfico limitado a autorizados. Para completar a actuación, crearase unha plataforma única de uso compartido entre vehículos e peóns con preferencia peonil no tramo do Paseo Matutino comprendido entre a saída de Nardos e a rúa Feliciano Barrera que dá acceso aos IES Val do Tea e Pedra de Auga.

Como lembrou Fernández Davila, “esta obra vai transformar de xeito extraordinario unha rúa e unha estrada degradada, con beirarrúas estreitas, sen arborado e inhóspita, nun espazo público de calidade para o paseo, o desprazamento a pé e a relación social”.  A rexedora recordou que se trata dun percorrido cun grande uso social, utilizado por centos de persoas para achegarse aos centros educativos, ao parque Ferro Ucha e á futura Escola Infantil, ao cemiterio municipal ou a centros privados de ocio e sanitarios situados na zona ou para desprazarse camiñando á vila dende o Barral, Fontenla ou Arcos”.