Ponteareas terá un innovador centro sociocultural nas naves de Aceros del Tea

No marco do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’

Ponteareas | No marco do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, o Concello transformará as naves de Aceros del Tea nun equipamento sociocultural e de lecer que “marcará un antes e un despois na historia de Ponteareas”, segundo a alcaldesa Cristina Fernández.

As instalacións industriais, situadas no corazón do centro urbano e coñecidas como Granitos de Galicia e Aceros del Tea, conforman unha amplísima zona que, grazas ao novo PXOM, experimentarán “unha profunda transformación nos vindeiros anos, coherente co novo urbanismo sustentábel e racional” que impulsa o goberno local do BNG-PSOE.

Grazas ao Plan Xeral, parte desas instalacións industriais pasan a ser de titularidade municipal. Ademais do actual aparcadoiro, o Concello disporá das instalacións de Aceros, consistentes nunha torre de oficinas e unha nave cunha superficie duns 1.500 m2, xunto cunha gran balsa de decantación situada entre as naves e a Estación de Autobuses.

O pasado ano o Concello redactou un anteproxecto no que se definiron as grandes liñas de intervención sobre as instalacións para convertelas nun equipamento emblemático, contemporáneo e innovador, recuperando o edificio, respectando a súa imaxe exterior industrial e aproveitando o seu interior “para transformalo nun espazo excepcional da vila de Ponteareas”, salienta a rexedora.

Os ámbitos de actuación previstos son catro. Por unha banda crearase unha extensa praza diáfana e cuberta baixo as tres naves destinada a todo tipo de eventos sociais e artísticos, concertos, feiras ou festivais e que, en ausencia de programación, funcionará coma unha praza pública cuberta.

En segundo lugar, a balsa de decantación situada entre as naves e a Estación de Autobuses converterase nun teatro ao aire libre con bancadas. Por outra banda, unha das naves e a torre das antigas oficinas acollerán espazos pechados, illados termicamente e insonorizados destinados a aulas, obradoiros, conferencias ou clases maxistrais.

Por último, a intervención tamén abordará o espazo exterior na Avenida de Galicia e a rúa Carballos, xerando novas zonas peonís, axardinadas e de estancia que darán visibilidade ao conxunto das instalacións e facilitarán o acceso das persoas.

O obxectivo do goberno local é converter este espazo nun lugar de referencia para Ponteareas e a zona sur de Galicia tanto pola orixinal e moderna intervención arquitectónica sobre o edificio, coma polos usos que albergará e que, grazas a súa versatilidade, acollerá dende eventos artísticos con grande aforo até espazos para a actividade musical ou locais para a organización de conferencias, clases maxistrais e obradoiros de diferentes disciplinas artísticas como a música, o teatro, a danza ou o cinema.

A segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, destaca que “esta transformación permitirá converter un espazo industrial que quedou engulido polo centro urbano nunha zona de dinamización e lecer para goce de toda a veciñanza”.

Partindo do anteproxecto, o Concello dá agora un novo paso coa licitación da redacción do proxecto básico e de execución así como da dirección de obra, por importe de 51.500 euros cofinanciados por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’.

As empresas e as e os profesionais interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 6 de maio ás 14.00 horas. O obxectivo do goberno do BNG-PSOE é licitar as obras unha vez se reciba o proxecto.

Voluntariado para recollida do lixo forestal
O Concello de Ponteareas organiza esta fin de semana unha nova saída de voluntariado ambiental xuvenil, coa que se busca continuar mellorando a contorna do municipio.

Este sábado 23 de abril, as voluntarias e voluntarios achegaranse ata o parque forestal da Picaraña para retirar todo o lixo ou restos de residuos que puideran quedar abandonados por toda a zona.

O concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó, destaca a implicación e contribución das mozas e mozos ponteareáns “na conservación da nosa contorna natural e a súa participación en iniciativas que buscan poñer en valor o noso patrimonio medioambiental, así como a importancia da colaboración e do traballo en equipo para a conservación dos nosos espazos”.

A actividade comezará ás 10.00 horas e recoméndase acudir con auga, gorra, pantalón longo e cómodo, calzado con boa sola para maior seguridade, máscara e guantes, se son fortes mellor.

As persoas interesadas poden solicitar información e inscribirse a través do correo electrónico voluntariado@ponteareas.gal ou do teléfono 687 764 516.