“Ponteareas Saudable” estuda solicitar a demolición da Central de Biomasa

Debido a que as obras realizadas non se axustan á legalidade urbanística vixente

Ponteareas | Os servizos xurídicos da Asociación “Ponteareas Saudable” estiman que, de acordo co informe da arquitecta municipal, as obras realizadas non se axustan á legalidade urbanística vixente.

Tal e como denunciou no seu día a ASOCIACION de VECIÑOS “PONTEAREAS SAUDABLE” o Concello de Ponteareas outorgou a licenza de construción dun Centro de Transformación eléctrica á Compañía Sestelo Expediente para dar servizo á planta de Biomasa sen o preceptivo informe de patrimonio. Isto despréndese, da copia do expediente, da que nos deu traslado o xulgado do Contencioso nº 2 de Pontevedra o día 9 de febreiro de 2022, xa que no mesmo atópase o escrito de data 21 de outubro de 2021 que a alcaldesa de Ponteareas remitiu ao Servizo de Patrimonio Cultural e tamén o Informe emitido en data 20 de outubro de 2.021 pola Arquitecta Municipal ao obxecto de solicitar a autorización de Patrimonio que expón, entre outras, as seguintes consideracións:

“ INFORME: A edificación onde se pretenden as obras está fuera del ámbito do Solo Urbano consolidado, le es de aplicación la ordenanza 6 de espazos libres e zonas verdes…As obras sitúanse na mesma parcela na que atópase un hórreo que pola data de Inscripción 1848 ten a categoría de BIC, sendo de aplicación a normativa sectorial en materia de patrimonio cultural.”

A ordenanza 6, sinala no apartado 6.3. Instalacións permitidas.
“As instalacións compatibles co uso de espazo libre como son: áreas de xogos infantís, áreas de deporte non regulado ao aire libre, áreas de plantación e axardinamento, lugares acondicionados para o descanso e recreo pasivo, palco de música, servizos hixiénicos públicos, pequenas construcións e instalacións destinadas á venda de bebidas e revistas, etc.”

Por iso, determinando a Arquitecta Municipal unha cualificación urbanística para o terreo obxecto daquelas obras, diferente da establecidas polo Enxeñeiro do proxecto da Central térmica de Biomasa e do enxeñeiro municipal, sendo tamén diferente a Normativa Urbanística vixente nun e outro caso, conclúese que desde o punto de vista urbanístico as obras realizadas non se axustan á legalidade vixente.

Polo que “Ponteareas Saudable” estuda presentar un requirimento da legalidade vixente e en consecuencia a demolición das obras realizadas por non axustarse a dereito.