
Ponteareas | O Concello de Ponteareas celebrou o Día Internacional do Pobo Xitano cunha xornada aberta á cidadanía baixo o título “Sentir o Pobo Xitano: unha viaxe a través dos sentidos”, unha proposta de convivencia, coñecemento e difusión da cultura xitana que reuniu veciñanza e comunidade nun espazo de encontro, participación e respecto mutuo.
A actividade desenvolveuse entre as 16:00 e as 19:30 horas diante da praza de abastos, nun espazo deseñado para achegar á cidadanía a cultura, a historia e a identidade do pobo xitano a través dunha experiencia sensorial, participativa e comunitaria. A iniciativa tivo como obxectivo crear un espazo de encontro no que a veciñanza de Ponteareas puido coñecer de preto a realidade xitana, contribuíndo á eliminación de prexuízos e á celebración dunha identidade compartida, ao tempo que se promoveron valores como a convivencia, o respecto e a interculturalidade.
Entre os obxectivos específicos da xornada destacaron a divulgación histórica da traxectoria do pobo xitano, a participación activa da propia comunidade na transmisión da súa cultura, a fusión de tradicións locais coa simboloxía romaní e o recoñecemento institucional mediante a lectura dun manifesto e a tradicional Cerimonia do Río. O espazo organizouse arredor de catro mesas temáticas, atendidas polas educadoras sociais coa colaboración de persoas referentes da comunidade.
Na Mesa 1: A vista – Historia e memoria, expúxose material bibliográfico, arquivos fotográficos e obxectos representativos que permitiron contextualizar o pasado e o presente do pobo xitano a través do soporte visual e documental.
Na Mesa 2: O oído – O son que nos une, a cidadanía puido achegarse a unha selección musical elaborada en colaboración coa comunidade xitana, con pezas representativas da súa cultura e dos momentos vitais máis significativos, como nacementos, vodas ou o dó. A actividade incluíu tamén a audición do himno da comunidade xitana.
A Mesa 3: O gusto e o olfacto – O aroma da hospitalidade converteuse nun dos espazos máis participativos da xornada, coa preparación dun café de pucheiro xitano guiado por unha muller da comunidade. O aroma e o sabor serviron como vehículo para crear un ambiente de confianza, encontro e irmandade.
Pola súa banda, a Mesa 4: O tacto – Deixando pegada acolleu a creación dun mural colectivo con símbolos clave da cultura xitana, como a roda, as rosas e as cores da bandeira, así como a confección dunha alfombra floral con pétalos, integrando a tradición alfombrista de Ponteareas coa simboloxía xitana. A programación rematou ás 19:00 horas na Ponte Vella coa celebración da tradicional Cerimonia do Río, un acto solemne de grande simbolismo para a comunidade xitana, acompañado da lectura dun manifesto e dunha ofrenda floral.
Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas reafirmou o seu compromiso coa inclusión social, a igualdade e o recoñecemento da diversidade cultural como un valor fundamental da convivencia.
Esta actividade enmárcase no Programa de Emerxencia Social con Persoas en Risco de Exclusión Social 2025-2027, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, ao abeiro da Resolución do 30 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades locais para programas de inclusión social para os anos 2025-2027 (código de procedemento BS623C).
Urbanización na T-02 Eroski en Angoares
O Concello de Ponteareas informa que comezaron as obras de urbanización do sector T-02 Eroski, situado na contorna da estrada PO-403 e da glorieta de acceso, un paso decisivo para a transformación urbanística desta zona estratéxica do municipio.

As actuacións, cun prazo de execución de 12 meses, contan cun investimento de 1.134.282,97 euros, asumido integramente por Eroski , e permitirán transformar o actual solo urbanizable en solo urbano consolidado, posibilitando así a ampliación da actividade comercial existente.
A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, destacou que “esta actuación supón un avance moi importante para a ordenación urbanística de Ponteareas, xa que permite completar a trama urbana nunha contorna clave, mellorando as infraestruturas, os accesos e a integración paisaxística da zona”.
A edil explicou que as obras permitirán gañar arredor de 10.000 metros cadrados de espazos libres, equipamento e rede viaria, ademais da obtención dunha parcela dotacional pública de 900 metros cadrados e de novas zonas verdes de 3.241 m2 para desfrute da veciñanza, en liña coa estratexia municipal Infraestrutura Verde. Ademais permitirá crear un espazo para dar servizo ás autocaravanas.
Entre as actuacións previstas figura tamén a construción dunha nova rotonda de acceso ao hipermercado, reforzando os sistemas xerais viarios e ordenando os fluxos. “Falamos dunha intervención que non só dá resposta ás necesidades actuais de mobilidade e servizos, senón que planifica o crecemento futuro da vila cunha visión moderna, eficiente e sostible”, engadiu Silvia Fernández Táboas.
O proxecto contempla a creación de novos aparcadoiros públicos, a ampliación da rede viaria e a urbanización do espazo para zonas verdes e espazos libres complementarios, garantindo unha rede común e coherente de infraestruturas, sen afeccións desfavorables á rede urbana existente.
A ordenación deseñada establece unha sección de rúa ampla, aberta e funcional, coidando especialmente as solucións de urbanización, o tratamento dos bordo, o aumento do arborado no centro urbano e a integración no entorno paisaxístico. Así mesmo, inclúense condicións específicas para garantir as mínimas emisións contaminantes e un tratamento estético axeitado dos usos comerciais e compatibles.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, valorou esta actuación como parte da estratexia de goberno de mellora continua e modernización do municipio.
“Seguimos avanzando nun modelo de vila moderna, ordenada e preparada para o futuro. Esta obra é un exemplo da nosa estratexia de mellora continua das infraestruturas, dos espazos públicos e dos servizos, sempre pensando na calidade de vida da veciñanza e no desenvolvemento sostible de Ponteareas”, afirmou a rexedora.
Nava Castro subliñou ademais que “cada investimento e cada actuación urbanística forman parte dunha folla de ruta clara: modernizar Ponteareas, mellorar a mobilidade, ampliar os espazos públicos e crear novas oportunidades para o crecemento económico e social do municipio”.
Con esta actuación, o Concello dá un novo paso na consolidación dun urbanismo planificado, eficiente e orientado ao interese xeral. Dende a compañía apuntan que este proxecto é unha mostra da súa aposta comercial por Ponteareas e a súa comarca.




