Edición especial da partitura “Carpio” de Reveriano Soutullo

A peza foi interpretada pola Banda de Música de Xinzo

Ponteareas | Dende a procura da partitura e o minucioso estudo histórico, interpretativo e ecdótico desta ata a transcrición e finalmente o arranxo e edición, durante un ano os musicólogos Iago Sobrino e Marcos Amado realizaron un intenso traballo para entregar, no día de onte, á alcaldesa Nava Castro a partitura da edición especial de “Carpio” do mestre Reveriano Soutullo.

Diante da Casa do Concello o público gozou da estrea desta edición interpretada pola Banda de Música de Xinzo que tamén recibíu nas mans da súa presidenta, Silvia Fdez. Táboas, unha copia da partitura. Carpio é un pasodobre flamenco breve, emotivo e con sonoridades flamenquistas; sinxelo pero elegante, cheo de contrastes tímbricos e de matices que lle dan un enorme carácter e vitalidade, un pasodobre que non deixa indiferente despois de escoitar os primeiros compases. No acto de presentación e recepción de partitura tamén estivo presente o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez. Carrera, e concelleiras e concelleiros da Corporación así como o director do conservatorio de música municipal que leva o nome do Mestre Soutullo.

O ponteareán Marcos Amado e Iago Sobrino tiveron palabras de agradecemento para o Concello e tamén para o director da Banda de Música de Xinzo, Rodrigo Iglesias, “que acolleron con ilusión a nosa proposta e apoiaron este traballo no que tiveron que facer arranxos varios nos que ter en conta moitas particularidades”.

Co obxectivo de elaborar unha edición que facilitase ao máximo a interpretabilidade da obra, o traballo de arranxo tivo en conta estas particularidades, e obrouse corrixindo tanto harmonías como a adecuación tímbrica, atendendo á composición habitual das bandas na actualidade, ademais da tamén necesaria verticalidade e horizontalidade nas dinámicas e articulacións, para dar coherencia e cohesión á peza. Todo coa finalidade de proporcionar aos músicos e músicas unhas partituras sobre as que puidesen traballar directamente.

“Tamén, a finalidade dese traballo é puramente práctico, esquecéndose a dimensión teórica do estudo da obra. Aí é onde entramos os musicólogos e musicólogas, coa posibilidade non só de proporcionar os materiais das obras cunha corrección e adecuación máis que considerable, algo que os músicos e músicas agradecen, senón tamén de proporcionar un estudo e análise notable, é dicir, un traballo en conxunto abundante, con moitísima máis profundidade. E grazas aos músicos e músicas cos que colaboramos nós podemos compartir este patrimonio coa sociedade, coa veciñanza”, explicaron os musicólogos.

Suliñaron tamén que “nós non pensamos en Carpio como un pasodobre adicado a un toureiro, que tamén o é, senón como repertorio de banda, como memoria sonora, como unha música que é de todas e de todos, como unha música popular. É por iso que quixemos agasallar ao Concello e ás bandas de Ponteareas con esta partitura, para que siga sendo repertorio de banda, para que siga sendo música popular. E música de Ponteareas. E para poder consagrar esta obra como parte do canon musical bandístico, e tamén do repertorio de Soutullo. Ogallá o proxecto editorial saia tan ben como vai saír hoxe esta estrea”.

A alcaldesa Nava Castro adiantou que esta e outras partituras do Mestre Soutullo estarán nas tablets coas que traballarán os máis de douscentos alumnos/as do conservatorio municipal e que dende o goberno seguirán traballando pola coñecemento e divulgación dos grandes creadores de Ponteareas.

Este foi un dos actos organizados polo Concello de Ponteareas para render homenaxe ao Mestre Reveriano Soutullo. O programa de actos complétase este mércores 29 de outubro, cunha ofrenda floral ao pé do busto do mestre diante do Concello ás 19:30 horas. De seguido, ás 20:00 horas, terá lugar unha charla-concerto “Reveriano Soutullo: conversa coa súa obra para piano” a cargo de Alejo Amoedo, experto na obra de Soutullo e membro da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega.

Amoedo, galardoado co Premio da Crítica de Galicia (2021) e co Premio da Música Gregorio Baudot (2022), ofrecerá un percorrido pola vida e a obra do compositor ponteareán. Alejo Amoedo ingresou como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes (2024) lendo o discurso “Reveriano Soutullo Otero (1880 – 1932). «Música de Salón» con piano no alborexar do século XX”. Recentemente foi elixido membro numerario do Instituto de Estudios Vigueses (2024).

Reveriano Soutullo: conversa coa súa obra para piano
Reveriano Soutullo é recoñecido como un dos compositores importantes do primeiro terzo do século XX no xénero lírico. Con todo, o repertorio onde inclúe o piano pasou desapercibido. Na charla, Alejo Amoedo, fará un resumo da vida e obra do compositor ponteareán e interpretará unha selección do repertorio escrito polo autor para o devandito instrumento, que está enmarcado no que podemos denominar xenericamente “música de salón”.

O concerto é unha invitación a escoitar o pasado desde o presente, establecendo unha conversa imaxinaria con Reveriano Soutullo onde o piano convértese aquí nun espazo de encontro, unha forma de escoitar con memoria, de falar coa música como quen conversa cun amigo que nunca deixou de inspirarnos.

Alejo Amoedo, pianista
Especializado no repertorio de compositores/as galegos/as, realiza estudios de acompañamento vocal en Madrid co lendario pianista Miguel Zanetti. Alejo é doutor pola Universitat Politècnica de Valencia (2019).

A súa ampla traxectoria, no eido da música de cámara, levouno á realización de numerosos recitais nos que destaca a estrea de obras de Antonio Paz Valverde, Rogelio Groba, Luís Carro, Juan Durán, Margarita Viso, Miguel Brotóns, María Mendoza, entre outros/as.

Dos seus traballos discográficos destacan o triplo CD Antoloxía de Compositores Galegos (Ouvirmos, 2013), xunto ao clarinetista Asterio Leiva; Mélodies (Mans, 2012), con Iria Cuevas, mezzosoprano; Evocación (Dos Acordes, 2016), coa obra para piano só de Reveriano Soutullo; (di) Versos Femeninos (RDC, 2022), coa mezzosoprano Nuria Lorenzo e a música de Juan Durán; e o mais recente A mansión dos anxos. Música de Salón de compositores pontevedreses do XIX e XX (Dos Acordes, 2024).

Exerceu de pianista acompañante nos conservatorios profesionais de Pontevedra e Vigo; na Escola Superior de Música e dás Artes do Espectáculo de Porto (Portugal); e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela. Na actualidade pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia na especialidade de Repertorio con Piano para Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Foi galardoado co “Premio Círculo, 2004” na modalidade de Música; “Premio da Crítica de Galicia” (2021) e co «Premio da Música Gregorio Baudot» (2022), este último concedido pola Sociedade Artística Ferrolana.

É integrante do colectivo cultural Pertenza; asesor da Fundación Reveriano Soutullo; membro fundador da Irmandade da Música Galega; membro electivo do Plenario do Consello da Cultura Galega (2022), vogal da súa Comisión Executiva, así como coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia.

Ingresou como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes (2024) lendo o discurso “Reveriano Soutullo Otero (1880 – 1932). «Música de Salón» con piano no alborexar do século XX”. Recentemente foi elixido membro numerario do Instituto de Estudios Vigueses (2024).

As viñetas de Laxeiro en Artistea
O Concello de Ponteareas e a Fundación Laxeiro presentaron unha exposición que reúne todas as viñetas humorísticas que Laxeiro publicou na prensa, en concreto nos xornais El pueblo gallego e Faro de Vigo, nos anos 1928, 1929 e 1930. A exposición é un acontecemento cultural de primeira orde, xa que nunca antes se vira este interesante traballo de Laxeiro na súa totalidade. Co gallo da exposición, a editorial Laiovento, publica o libro homónimo, no que reproduce a totalidade das viñetas (corenta e nove) acompañadas ademais con textos asinados por Manuel Igrexas, Félix Caballero e Javier Pérez Buján. A librería local Milfollas disporá desta publicación para aquelas persoas que desexen adquirilo.

O director artístico da Fundación Laxeiro e comisario da exposición, Javier Pérez Buján, despois de agradecer á alcaldesa e ao concelleiro de educación as facilidades para que este proxecto fora posible en Ponteareas, quixo destacar que cando Laxeiro publicou estas viñetas na prensa galega, era un artista de vinte e vinte e un anos, así que este foi o seu primeiro traballo profesional que, nunha época na que a prensa era lida de forma masiva pola poboación, converteuno en pouco máis de dous anos e medio nun artista coñecido en toda Galicia. Tamén quixo salientar a mirada moderna do mozo Laxeiro que nestas viñetas de mocidade, anuncian un proxecto estético comprometido coa renovación plástica, nun contexto internacional da figuración do período de Entre guerras.

O director xeral da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez, quen ademais é neto do pintor, agradeceu ao Concello de Ponteareas o interese por este proxecto expositivo e lembrou que hai case vinte e cinco anos, sendo alcaldesa Nava Castro, a Fundación trouxera a Ponteareas unha exposición de pinturas de Laxeiro que ilustraba a traxectoria do pintor, unha circunstancia que dá boa conta do interese de Nava Castro polo pintor de Lalín, como expoñente do mellor da pintura galega do século XX.

Na apertura da exposición a alcaldesa Nava Castro sinalou a importancia de acoller esta exposición que reflicte a obra de xuventude de Laxeiro, “un creador mutidisciplinar que dende Galicia soubo conectar con correntes artísticas de todo o mundo, que foi rompedor e tamén difusor da cultura popular e que recolle na súa traxectoria o espírito da residencia Artistea, apoiar a novos talentos, contactalos con artistas consagrados de todo o mundo, experimentar, investigar, crear e comunicar”.

O proxecto
Durante os anos vinte o humor gráfico galego vivía unha época dourada. Rara era a publicación periódica que non contara con colaboracións gráficas de corte humorístico nas súas páxinas de forma máis ou menos estable. Mesmo Castelao, a ponte entre o vello galeguismo e Os novos, publicou as súas viñetas, ademais de nomes como Torres, Maside ou Colmeiro. De feito, é posible que fora Manuel Colmeiro que animara a Laxeiro a presentar os seus traballos ao Faro de Vigo, despois de que este vira uns debuxos do de Lalín.

Este proxecto responde a unha necesidade de catalogar e mostrar ao público o traballo completo de Laxeiro como humorista gráfico na prensa, sumándose así a ese elenco de artistas renovadores que, en Galicia, cultivaba o humorismo gráfico. Laxeiro tiña só vinte anos cando comezou a súa colaboración en Faro de Vigo e máis tarde en El pueblo gallego. Trátase por tanto, dunha obra temperá e, de seguro, do seu primeiro traballo profesional no eido artístico. Debido a que se trataba dunha obra reproducida nas dúas cabeceiras máis populares da Galicia da época, estas viñetas deparáronlle sen dúbida a Laxeiro certa notoriedade e supuxeron un bo comezo para un rapaz que ía ter moito que dicir no mundo da arte, ata converterse nun dos artistas máis relevantes da arte galega do século XX.

Se a unha idade tan temperá podemos falar xa dun estilo propio no debuxo de Laxeiro, este é un estilo que amosa unha clara herdanza da estética que outros autores cultivaban, influenciados pola arte xaponesa e todo o influxo oriental que movementos como o Modernismo trouxeron a Europa. En Galicia, a figura máis salientable é Castelao, quen fixo de auténtico nexo entre a vella garda do galeguismo histórico e esta nova xeración de artistas rebeldes que acabarían formando o grupo coñecido como Os novos, no que podemos atopar a Laxeiro, Maside, Seoane, Colmeiro, Souto, Díaz Pardo, Torres, Faílde e Fernández Mazas e que coincidían nos seus postulados e na súa idade, con escritores como Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor ou Francisco Fernández del Riego.

Nestas viñetas podemos distinguir tres estilos ben definidos, un primeiro moi sintético e sen fondos nin sombreados; un segundo grupo, o máis numeroso, nos que sen abandonar a liña clara e sintética, engade un fondo que mediante a técnica do raiado, contextualiza a escena no espazo, ás veces con gran detalle, utilizando o fondo da escena como parte da situación que se detalla no texto. Hai unha terceira tipoloxía na que o trazo se afasta da síntese para achegarse a unha factura máis expresionista, na que podemos atopar paralelismos con debuxos posteriores de Luís Seoane, ou de debuxantes xermanos como George Grosz. Noutros casos, achégase a fórmulas máis realistas, traballando os volumes por medio do sombreado do motivo.

O tratamento formal fálanos dun artista totalmente comprometido coas novas correntes estéticas que percorrían Europa, postulándose xa, tan mozo, ao carón da renovación que logo desenvolvería na súa pintura. É significativo ademais, como esta primeira incursión profesional, lévase a cabo a través dunha canle totalmente definitoria desa modernidade, como foi o soporte elixido, a prensa diaria da época, da que a reprodución e a difusión popular e indiscriminada, son características intrínsecas.

A relevancia deste proxecto responde a tres ideas principais, a recompilación da totalidade do traballo humorístico de Laxeiro, a súa contextualización dentro do momento cultural e histórico e tamén a non menos importante recollida dos diálogos dos personaxes que, no seu conxunto, conforman un decálogo da nosa cultura popular da época, contada por un artista que, malia súa mocidade, xa era quen de captar as peculiaridades dunha Galicia que se debatía entre a tradición e a entrada na modernidade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.